— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 20 de 74 resultados.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria incrementará un 35% o seu orzamento o ano que vén, aumentando un 40% o destinado á formación e duplicando o dirixido á innovación

José Luis Cabarcos engadiu que en xaneiro se comezará a desenvolver a Lei da calidade alimentaria e se potenciará a marca paraugas que amparará as producións de calidade, así como o novo selo de artesanía alimentaria
  • Pola súa parte, José Balseiros destacou que antes de final de ano se resolverán e pagarán as axudas directas convocadas para os sectores agroalimentarios máis afectados pola covid-19, sendo o vacún de carne o máis beneficiado

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2020.- A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) incrementará un 35% o seu orzamento o ano que vén, aumentando un 40% o destinado á formación e duplicando o que se investirá en innovación. Así o puxo de relevo o director da Agacal, José Luis Cabarcos, na Comisión 7ª do Parlamento galego, onde concretou que as contas superarán os 27 millóns de euros para seguir promovendo proxectos de I+D+i ou actividades de investigación, transferencia de tecnoloxía, formación e divulgación co obxectivo último de favorecer o desenvolvemento dos sectores agrícola, gandeiro e forestal.

Nesa liña, o director destacou que en 2021 se creará a Fundación de investigación agraria aplicada de Galicia, orientada á transferencia efectiva para a mellora dos produtos e procesos do sector agroalimentario galego, así como da rendibilidade e da sustentabilidade ambiental das explotacións e da calidade e seguridade alimentarias. Mentres, destinaranse dous millóns de euros ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), para optimizar as infraestruturas de ensaio precisas para o banco de xermoplasma e recursos fitoxenéticos, así como para a implantación dunha granxa que permita consolidar un modelo para o desenvolvemento das mellores prácticas dispoñibles. Outros catro millóns dirixiranse ao Centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia, un “espello do rural” que se situará en Boqueixón e que se prevé comezar a construír o ano vindeiro.

Tamén en relación cos centros dependentes da Agacal, melloraranse as infraestruturas de apoio á investigación mediante a renovación e adecuación das instalacións, maquinaria e equipamentos, ademais da operatividade dos centros e laboratorios en canto á dotación de instrumental científico-tecnolóxico e á calidade das súas tecnoloxías de información e comunicación, facilitando a súa conexión en rede.

No ámbito propiamente da calidade, José Luis Cabarcos avanzou que en xaneiro se comezará a desenvolver a Lei da calidade alimentaria, fundamentada na potenciación das diferentes figuras de calidade alimentaria e no impulso ao I+D+i, á formación e á transferencia de coñecemento ao sector agroalimentario. Así, reforzarase a marca paraugas que amparará as producións de calidade e novos selos como o da artesanía alimentaria, que se suma ás 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas galegas xa consolidadas. Nesa dirección, sinalou que en 2021 se investirán 1,45 millóns na promoción dos produtos agroalimentarios e preto dun millón de euros na creación de mercados singulares para prestixiar as producións galegas.

Axudas pola covid-19

Pola súa parte, o director xeral da Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias destacou que antes de que remate o ano estarán resoltas as achegas directas convocadas pola Xunta para axudar aos sectores agroalimentarios máis afectados pola covid-19. Isto é, resolveranse e pagaranse en apenas dous meses dende a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Das arredor de 6.000 solicitudes de axudas directas recibidas, a meirande parte proceden do sector bovino de carne. Así, o director xeral lembrou que para estes produtores que se viron afectados polo peche da hostalaría e a restauración se consignaron un total de nove millóns de euros. No caso da flor cortada e da planta ornamental, que foi case o único eido agrario con todas as súas canles de comercialización ordinarias pechadas durante a maior parte do estado de alarma, convocáronse un total de tres millóns de euros.

Máis aló das axudas directas, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias lembrou o instrumento financeiro habilitado para que as bodegas poidan pedir préstamos e mercar toda a uva desta campaña a prezo de mercado, cunha garantía por parte do Goberno galego para cubrir posibles impagos que acada os seis millóns de euros. Estes empréstitos aínda se poden solicitar ata o 21 de decembro. En concreto, a Xunta agarda mobilizar ata 37,5 millóns coa presente convocatoria, aos que habería que sumar outros 37,5 millóns o ano vindeiro, de renovarse o instrumento con outros seis millóns pola evolución do coronavirus. O director xeral destacou que a selección dos sectores beneficiarios destas axudas se fixo de xeito consensuado cos integrantes do Consello Agrario, no que están representadas as organizacións profesionais agrarias. Así, tivéronse en conta criterios obxectivos sobre perdas constatables que poden supoñer un risco para a súa continuidade empresarial.

Apoio ao sector do viño

Por último, cabe salientar que o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria fixo un balance positivo da vendima deste ano, sinalando que se recolleron máis de 60 millóns de quilos de uva en toda a comunidade. Na súa intervención, José Luis Cabarcos reafirmou o apoio da Xunta ao sector do viño, conformado por máis de 13.400 viticultores e 479 adegas e cun valor económico anual superior aos 200 millóns de euros. Dada a súa importancia, resaltou, o Goberno galego estivo ao seu carón durante a pandemia, efectuando controis de calidade en colaboración cos consellos reguladores.