— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 20 de 74 resultados.

A Xunta achega 3 M€ aos concellos lucenses ao abeiro do plan para a mellora dos camiños de acceso a parcelas agrarias

O obxectivo da iniciativa da Consellería do Medio Rural é mellorar as condicións de vida no agro mediante o acondicionamento das súas infraestruturas

Lugo, 25 de setembro de 2020.- A Consellería do Medio Rural aprobou achegas por importe de 3 millóns de euros para os concellos lucenses ao abeiro do Plan Marco para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021, que se xestionará a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

A finalidade do plan, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), é darlle un pulo ás condicións de vida nas aldeas mediante o acondicionamento das vías que dan acceso ás parcelas agrarias, que son as canles de entrada e saída das producións rurais. Co arranxo deses camiños, a Xunta contribúe á vertebración do territorio, dinamizando o tecido produtivo e mellorando a capacidade organizativa desas áreas.

As achegas van destinadas a facilitarlles aos concellos a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso a parcelas agrícolas, incluíndo tanto actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, como o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes.

Cabe lembrar que, para dar servizo a cada unha das localidades da comunidade, establecéronse uns criterios de distribución das asignacións económicas previamente consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Estes criterios determináronse a partir dun importe fixo por concello, habitante e entidade de poboación, dentro duns límites de máximos e mínimos, co fin de garantir unha repartición equitativa. A estas variables incorporáronse factores correctores vinculados á superficie, ao peso do agro en cada municipio, así como ao grao de despoboamento e de envellecemento.