— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 20 de 74 resultados.

A Xunta destaca a necesidade de apoiar proxectos agroalimentarios innovadores que permitan dinamizar o rural galego

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) sinalou que a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia aportará solucións que respondan coa máxima axilidade posible á demanda de terras

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020.- A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, participou esta mañá de forma telemática na presentación da VIII edición do programa Proxectos de Emprendemento, que organiza a Fundación Juana de Vega. Alí, Inés Santé felicitou a todos os participantes desta edición por sacar adiante proxectos agroalimentarios innovadores no medio rural, apostando pola continuidade do agro.

Nesta liña, a directora xeral recordoulles aos asistentes que o vindeiro ano sairá unha nova convocatoria das axudas do Plan Leader, que xestiona a Agader, e que permiten financiar proxectos produtivos como os que hoxe se presentaron. Así mesmo, Inés Santé agradeceu o traballo en xeral da Fundación Juana de Vega e, en particular, este programa de proxectos emprendedores no eido agroalimentario.

Durante a súa intervención, tamén destacou que a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia facilitará o mercado de terras e permitirá dinamizar dunha forma máis áxil o rural galego. Neste senso, Inés Santé sinalou que esta lei, ambiciosa e innovadora, aportará solucións que respondan coa máxima axilidade posible á demanda de terras, tanto por parte de explotacións que precisen ampliar ou mellorar a súa base territorial, como daqueles que queiran desenvolver novas iniciativas de posta en produción de terras.

Así, a directora xeral mencionou que con esta norma se van proporcionar instrumentos para dar resposta a unha das principais eivas que teñen as explotacións galegas, a falta de base territorial. Para iso, explicou, vaise aproveitar a experiencia previa en proxectos piloto de mobilidade de terras -como é o caso das aldeas modelo ou dos polígonos agroforestais- para dotar ás explotacións agropecuarias de terras de gran calidade. No caso das aldeas modelo, Inés Santé lembrou que a día de hoxe están 12 declaradas, das cales tres están practicamente rematadas, e hai outras 20 en trámite.