— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 20 de 60 resultados.

A Xunta destaca que 24 cooperativas agrarias galegas recibirán este ano 2,4 millóns de euros das axudas para o uso de maquinaria en réxime asociativo

José González lembrou tamén que entre onte e hoxe comezaron a aboarse os anticipos da PAC, que suporán un ingreso de preto de 38 millóns de euros para os agricultores e gandeiros da nosa comunidade
  • Salientou a importancia deste anticipo na comarca do Deza, onde hai uns 1.300 beneficiarios, cun pagamento total de 3,2 millóns de euros
  • Recordou que o Goberno galego ofrece un servizo de substitución gratuíto para as explotacións e pequenas industrias do agro que teñan persoal en corentena pola covid-19

Rodeiro (Pontevedra), 30 de outubro de 2020.- O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, comprobou hoxe na localidade pontevedresa de Agolada os traballos de sementeira da herba e, seguidamente, visitou as instalacións da cooperativa agraria O Rodo, sita no concello veciño de Rodeiro.

O conselleiro sinalou que esta cooperativa foi unha das beneficiarias das axudas -que se veñen de resolver, na súa convocatoria de 2020- para fomentar o uso de maquinaria agrícola en réxime asociativo e destacou que estas achegas suporán un investimento de 2,4 millóns de euros no agro galego para un total de 24 cooperativas da nosa comunidade.

José González explicou que estas subvencións teñen unha gran importancia, xa que perseguen, entre outros obxectivos, os de fomentar un uso asociativo da maquinaria, impulsar a introdución de novas tecnoloxías e racionalizar os custos de mecanización. Dixo tamén que procuran, así mesmo, incrementar a seguridade no traballo, reducir as emisións contaminantes e promover o aforro enerxético. No caso concreto do Rodo, esta entidade recibirá, con cargo a estas achegas, un total de 100.000 euros para un investimento que en conxunto se sitúa nos 250.000 euros.

Nesta liña, o conselleiro definiu a esta cooperativa dezá como “unha verdadeira referencia en Galicia dentro do movemento asociativo e en xeral do noso rural, polo traballo ben feito”. Un labor, que -indicou- repercute moi positivamente en primeiro lugar nos seus 300 socios e tamén, de xeito xeral, en toda a contorna, xa que se trata dunha das cooperativas líderes na produción de leite do Deza. Así, destacou que agrupa un total de 185 explotacións, cunha produción anual que se sitúa arredor dos 45 millóns de litros de leite.

 

Anticipo da PAC

Nesta visita o conselleiro tamén fixo referencia ás axudas correspondentes ao anticipo da PAC, que -sinalou- empezaron a aboarse “entre onte e hoxe” e que se achegan aos preto de 38 millóns de euros. González indicou que nesta comarca do Deza estes anticipos teñen un gran impacto, xa que beneficiarán a case 1.300 gandeiros, cun pagamento total de 3,2 millóns de euros.

O conselleiro fixo referencia a que só no concello de Rodeiro van recibir -ou xa o están recibindo- o anticipo uns 260 beneficiarios, por un importe total de arredor de 724.000 euros. Rodeiro é o undécimo concello galego na listaxe de pagos por este concepto, que encabeza Lalín, con algo máis de 1 millón de euros. Ademais, engadiu que os seis municipios do Deza (Lalín, Rodeiro, Silleda, Dozón, Vila de Cruces e Agolada) están, pola orde indicada, entre os 60 primeiros de Galicia. Os tres primeiros -Lalín, Rodeiro e Silleda- sitúanse entre os 16 máis beneficiados co anticipo, concluíu.

 

Servizo de substitución gratuíto

Por outra banda, José González recordou neste acto que a Xunta ofrece un servizo de substitución gratuíto para as explotacións e pequenas industrias do agro que teñan persoal en corentena pola covid-19. Así, explicou que a empresa pública Seaga porá a disposición, a demanda dos propios posibles afectados, cuadrillas de persoal para substituír actividades esenciais como a alimentación do gando, o muxido das vacas ou a xestión de produtos perecedoiros, entre outros traballos.

Os interesados neste servizo simplemente deberán solicitalo mediante unha petición telemática polo procedemento xenérico da sede electrónica da Xunta (PR004A), xunto cunha declaración responsable da veracidade dos datos. A continuación, unha vez comprobados os datos (alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, entre outros), as solicitudes serán remitidas a Seaga, para que contacte co solicitante e envíe a cuadrilla correspondente.