Medidas
O Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 estrutúrase en 14 medidas e 45 submedidas a través das cales se pretenden acadar os obxectivos establecidos no Programa para o período 2014-2020:
Medida 1. Accións de transferencia de coñecementos e información
O obxectivo desta submedida é fomentar a competitividade do sector agroalimentario e forestal galego a través da incorporación de prácticas innovadoras e o desenvolvemento de iniciativas de I+D. Para iso, considérase prioritario consolidar un sistema permanente de transferencia de coñecementos baseado no fomento da formación profesional en materia agropecuaria e forestal, con especial orientación a novos agricultores e selvicultores.
Esta axuda comprende actividades de formación profesional continua e adquisición de competencias, ademais de actividades de demostración e información. Para iso, prográmanse tres submedidas:
- Submedida 1.1 Formación profesional e adquisición de competencia
- Submedida 1.2 Apoio ás actividades de demostración e as accións de información
- Submedida 1.3 Apoio ao intercambio de curta duración da xestión agrícola e forestal e ás visitas agrícolas e forestais
Medida 2. Servizos de asesoramento, xestión e substitución destinados ás explotacións agrarias
Con esta medida preténdese apoiar proxectos de asesoramento especializado e garantir o transvasamento de información desde os centros de coñecemento, investigación e desenvolvemento ata o medio rural. Preténdese, por tanto, levar a innovación ao sector agroalimentario e forestal galego e, con iso, mellorar a súa competitividade.
Dado os obxectivos transversais aos que contribúe esta medida de fomento da innovación, adaptación ao cambio climático e conservación do medio ambiente, os servizos de asesoramento incidirán en cuestións como captura de carbono, loita contra a erosión, uso eficiente da enerxía e da auga, conservación da biodiversidade e protección do chan.
Esta axuda desenvólvese a través de tres submedidas:
- Submedida 2.1 Apoio para contribuír á obtención de servizos de asesoramento
- Submedida 2.2 Apoio para o establecemento de servizos de xestión, substitución e asesoramento agrícola e de servizos de asesoramento forestal
- Submedida 2.3 Apoio á formación de asesores
Medida 3. Réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios
O fin desta medida é o de incrementar a participación real dos produtores agroalimentarios galegos e dos seus produtos na cadea alimentaria. Para iso, preténdense incorporar prácticas de mercado innovadoras, ofrecer produtos de calidade diferenciada, fomentar o fortalecemento do tecido asociativo, apoiar as canles curtas de distribución e impulsar o comercio electrónico.
Fomentarase a participación dos agricultores en réximes de calidade recoñecidos por norma comunitaria ou polos Estados membros coas prescricións do artigo 16.1 do Regulamento (UE) 1305/2013, así como a promoción no mercado de produtos incluídos nestes réximes.
Esta axuda articúlase a través de dúas submedidas:
- Submedida 3.1 Axudas á participación en réximes de calidade
- Submedida 3.2 Apoio ás actividades de información e promoción no mercado interior.
Medida 4. Investimentos en activos físicos
Xunto con outras medidas programadas no PDR, o investimento en activos físicos oriéntase á mellora da competitividade das explotacións agrarias galegas, do sector agroalimentario no seu conxunto e o aumento da base territorial das explotacións agrarias.
Baixo esta medida exponse uns obxectivos de modernización e reestruturación das explotacións agrarias galegas a través de actuacións que melloren o seu rendemento global e viabilidade, así como a sustentabilidade do medio. Para iso, a medida estrutúrase en catro liñas de axuda:
- Submedida 4.1 Axudas aos investimentos que melloren o rendemento e a sustentabilidade globais da explotación agrícola.
- Submedida 4.2 Apoio aos investimentos en transformación/comercialización e/ou desenvolvemento de produtos agrícolas.
- Submedida 4.3 Apoio aos investimentos en infraestrutura relacionada co desenvolvemento, a modernización ou a adaptación da agricultura e a silvicultura.
- Submedida 4.4 Apoio aos investimentos non produtivos vinculadas ao cumprimento de obxectivos agroambientais e climáticos.
Medida 6: Desenvolvemento de explotacións agrícolas e empresariais
Con esta medida preténdese favorecer a creación de empresas e o desenvolvemento e aumento da competitividade das explotacións, especialmente aquelas lideradas por novos agricultores. É fundamental asegurar a substitución xeracional do sector agrario, así como a fixación da poboación en zonas rurais co fin de evitar o grave problema do despoboamento e o envellecemento do medio rural galego.
Os indicadores demográficos demostran o grave problema de despoboamento e envellecemento que sofre Galicia, moi especialmente nas zonas rurais do interior. A solución non é sinxela e require de apoios múltiples que pasan por mellorar as posibilidades de emprego e dotar ás zonas rurais de servizos que as fagan atractivas para a poboación, particularmente para a poboación nova.
A incorporación da poboación nova e capacitada ao sector agrario, o apoio ás pequenas explotacións, a diversificación da actividade económica, a creación de novas empresas, o apoio a microempresas e pequenas empresas non agrícolas, así como a extensión da rede de banda ancha ao total do territorio rural son elementos imprescindibles de desenvolvemento que fomentan a creación de emprego e, por tanto o asentamento poboacional.
Para lograr estes obxectivos, o Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 pon en marcha catro submedidas:
- Submedida 6.1 Axuda á creación de empresas para os novos agricultores.
- Submedida 6.2 Axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais.
- Submedida 6.3 Axuda destinada á creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións.
- Submedida 6.4 Axuda para os investimentos na creación e desenvolvemento de actividades non agrícolas
En todos os casos consideraranse como criterios de prioridade os investimentos en proxectos innovadores recoñecidos no marco da AEI e as procedentes de iniciativas de cooperación e desenvolvemento local.
Medida 7: Servizos básicos e renovación de poboación nas zonas rurais
A fixación da poboación no medio rural pasa por un nivel de calidade de vida asociado, en parte, á oferta de servizos básicos nestas áreas. É por iso que esta medida pretende financiar investimentos que fomenten a oferta de servizos e contribúan ao mantemento da poboación en zonas rurais de Galicia.
Impleméntanse 5 submedidas no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020:
- Submedida 7.2 - Apoio aos investimentos na creación, mellora ou ampliación de todo tipo de pequenas infraestruturas, incluídas os investimentos en enerxías renovables e aforro de enerxía
- Submedida 7.3 - Apoio ás infraestruturas de banda ancha, en particular a súa creación, mellora e ampliación, as infraestruturas de banda ancha pasivas e a oferta de acceso á banda ancha e a solucións de administración electrónica
- Submedida 7.4 - Apoio aos investimentos na creación, mellora ou ampliación de servizos básicos locais para a poboación rural, incluídas as actividades recreativas e culturais, e a infraestrutura relacionada
- Submedida 7.5 - Apoio aos investimentos para uso público en infraestruturas recreativa, información turística e infraestrutura turística a pequena escala
- Submedida 7.6 - Axuda para estudos/investimentos vinculados ao mantemento, a recuperación e a rehabilitación do patrimonio cultural e natural das poboacións, das paisaxes rurais e das zonas con alto valor natural, incluídos os seus aspectos socioeconómicos, así como as iniciativas de sensibilización ecolóxica
Medida 8: Investimentos no desenvolvemento de zonas forestais e mellora da viabilidade dos bosques
O sector forestal alcanza un peso moi importante en Galicia e por iso, a xestión forestal sustentable supón un importante fito fronte ao mantemento e fomento deste sector. Conforme esta medida, levaranse a cabo actuacións para a creación de superficies forestais e agroforestais, accións de prevención e restauración de superficies afectadas por incendios, pragas e enfermidades forestais, investimentos non produtivos e actuacións de apoio ao tecido empresarial asociado aos bosques.
Articúlanse seis submedidas:
- Submedida 8.1 - Axuda para a reforestación/creación de superficies forestais.
- Submedida 8.2 - Axuda para o establecemento e mantemento de sistemas agroforestais.
- Submedida 8.3 - Axuda para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes
- Submedida 8.4 - Axuda para a reparación dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes
- Submedida 8.5 - Axuda para investimentos para incrementar a capacidade de adaptación e o valor ambiental dos ecosistemas forestais
- Submedida 8.6 - Axuda para os investimentos en tecnoloxías forestais e na transformación, mobilización e comercialización de produtos forestais.
Medida 9: Creación de grupos e organización de produtores
O fomento dunha boa estrutura empresarial ligada ao sector agrario é fundamental para a comercialización dos produtos. Con esta medida preténdese apoiar a creación de agrupacións e organizacións de produtores co fin de mellorar a súa competitividade e a comercialización dos seus produtos.
Esta axuda articúlase nunha única submedida:
Medida 10: Agroambiente e clima
O obxectivo desta medida é fomentar prácticas agrarias máis sustentables coa contorna, que aseguren a conservación da biodiversidade e fomenten a adaptación ao cambio climático á vez que se mantén a actividade da explotación. A aplicación destas prácticas pode levar a diminución da produción ou certa perda de rendibilidade. Con esta axuda preténdese compensar ao agricultor pola realización destas prácticas agrarias máis sustentables.
En virtude desta medida compénsase a aqueles agricultores que se comprometan voluntariamente a realizar operacións consistentes nun ou varios compromisos agroambientais e climáticos. A compensación será relativa aos custos adicionais e perdas de ingresos como consecuencia dos compromisos subscritos.
En base a dúas submedidas diferentes, o tipos de compromisos que poden adquirir os agricultores galegos son os seguintes:
- Submedida 10.1 Pago para compromisos agroambientais e climáticos
- Submedida 10.2 Apoio para a conservación e o uso e desenvolvemento sustentables dos recursos xenéticos na agricultura
Medida 11: Agricultura ecolóxica
O sector da agricultura ecolóxica continúa sendo un terreo por desenvolver en Galicia. Por iso impleméntase esta medida no PDR co fin de fomentar tanto o cambio de prácticas agrarias cara á agricultura ecolóxica, como o mantemento das superficies xa integradas neste sistema.
A medida oriéntase á promoción do cambio das prácticas agrícolas habituais cara aos sistemas de produción ecolóxica definidos no Regulamento (CE) 834/2007 do Consello, do 28 de xuño de 2007, sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos, e ao mantemento dos mesmos.
Impleméntanse dous submedidas no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020:
- Submedida 11.1 Pago para o cambio a prácticas e métodos de agricultura ecolóxica.
- Submedida 11.2 Pagos para o mantemento de prácticas e métodos de agricultura ecolóxica.
Medida 13: Pago a zonas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas
Esta medida oriéntase á compensación polas perdas de ingresos e custos adicionais derivados das limitacións de distinta natureza que han de afrontar as explotacións agrarias en zonas de montaña e noutras áreas con dificultades naturais distintas das de montaña.
- Submedida 13.1: Pago de compensación en zonas de montaña
- Submedida 13.2: Pagos compensatorios para outras áreas que afrontan limitacións naturais considerables
Medida 15: Servizos silvoambientais e climáticos e conservación dos bosques
A través desta medida apoiaranse actuacións para a conservación e promoción de recursos xenéticos forestais así como para promover o cambio de cultivo en superficies forestais de alto valor natural.
Esta axuda articúlase a través de dúas submedidas:
- Submedida 15.1: Pago para os compromisos silvoambientais e climáticos
- Submedida 15.2: Apoio á conservación e o fomento de recursos xenéticos forestais
Medida 16: Cooperación
A medida de cooperación enténdese como unha medida transversal ao conxunto de actuacións recollidas no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. Estrutúrase en dúas liñas de traballo, por unha banda, as axudas referidas ao desenvolvemento das actuacións vinculadas á Asociación Europea da Innovación e por outra, as axudas destinadas a fomentar a cooperación como eixo condutor do cumprimento das prioridades de desenvolvemento rural.
Articúlanse as seguintes submedidas:
- Submedida 16.2 Axudas para proxectos piloto e desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías.
- Submedida 16.3 Cooperación entre pequenos operadores para organizar procesos de traballo conxunto e compartir instalacións e recursos, así como para o desenvolvemento / a comercialización do turismo.
- Submedida 16.4 Apoio para a cooperación horizontal e vertical entre os axentes da cadea de subministración para a creación e o desenvolvemento de cadeas de distribución curtas e mercados locais e para actividades de promoción nun contexto local relacionado co desenvolvemento de cadeas de distribución curtas e mercados locais.
- Submedida 16.5 Apoio para accións conxuntas realizadas con vistas á mitigación ou a adaptación ao cambio climático e para enfoques conxuntos con respecto a proxectos ambientais e prácticas ambientais en curso.
- Submedida 16.8 Apoio para a elaboración de plans de xestión forestal ou instrumentos equivalentes.
Medida 19: Apoio para o desenvolvemento local LEADER
A iniciativa LEADER, como instrumento de desenvolvemento local integrado, innovador, multisectorial e participativo, demostrou ser unha ferramenta que contribúe ao equilibrio territorial nas zonas rurais galegas. Coa inclusión desta medida no PDR galego, preténdese seguir apostando por esta ferramenta fomentando a innovación e impulsando o deseño da estratexia polos axentes do territorio.
Prográmanse as seguintes submedidas:
- Submedida 19.1 Apoio á preparación de estratexias de desenvolvemento local
- Submedida 19.2 Apoio para a realización das operacións conforme á estratexia de desenvolvemento local participativo
- Submedida 19.3 Actividades de cooperación
- Submedida 19.4 Custos correntes e animación
Medida 21: Axuda temporal excepcional destinada aos agricultores e ás pemes especialmente afectados pola crise de COVID-19
A finalidade desta axuda é asegurar a continuidade da actividade empresarial dos titulares de explotacións agrícolas de orientación produtiva vacún de carne e produtores de flor cortada e planta ornamental, particularmente afectados pola crise da Covid 19.
Esta axuda articúlase nunha única submedida: