— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 20 de 38 resultados.

O DOG publica a orde de Medio Rural que permite anticipar ata o 50% do importe de determinadas axudas deste departamento

Trátase dunha medida que forma parte do Plan de liquidez posto en marcha pola Consellería para apoiar ao sector agrario galego
  • Con esta iniciativa poderanse adiantar uns 18,5 millóns de euros a agricultores, gandeiros e silvicultores galegos co fin de mellorar a súa liquidez

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2020.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que permite anticipar ata o 50% do importe de determinadas axudas xestionadas por este departamento e cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Trátase dunha medida aprobada polo Consello da Xunta e que forma parte do Plan de liquidez da Consellería co fin apoiar aos agricultores, gandeiros e silvicultores galegos. Desta forma, cómpre lembrar que ata o momento os anticipos nestas ordes de axudas eran do 10% do importe total da achega, ampliándose agora ata o 50% co fin de mellorar a liquidez dos beneficiarios destas subvencións. Esta mellora supón o adianto duns 18,5 millóns de euros por este concepto. Ademais, e como novidade, esta medida porase en marcha sen necesidade de que os beneficiarios de ditas achegas presenten avais das entidades bancarias.

Doutra banda, co mesmo fin de axilizar os trámites, establécese que a execución parcial do proxecto subvencionado, relacionada directa ou indirectamente coa crise da covid-19, non suporá sanción ou penalidade algunha para os beneficiarios das axudas. Así mesmo, poderanse pagar aqueles gastos incorridos ata o momento de decretarse o estado de alarma, aínda que a actividade para a que foi concedida a axuda non se puidera levar a cabo. Os solicitantes poderán, polo tanto, presentar modificacións dos proxectos presentados e mesmo efectuar a renuncia expresa á axuda, sen que iso derive en sanción ou penalidade algunha.

Tanto o abono do anticipo como a exención da constitución de garantías serán aplicables a unha serie de liñas de subvencións. Son as destinadas á prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais e en Sofor, as convocadas para apoiar investimentos en explotacións agrícolas, agricultores mozos ou pequenas explotacións e as habilitadas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal. Tamén, ás que serven para fomentar as instalacións e equipamentos en común, a utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo e as de transformación e comercialización de produtos agrarios.