— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 20 de 22 resultados.

A Xunta convoca 2,5 millóns de euros en axudas para promover o emprego de maquinaria agrícola en réxime asociativo

Os interesados teñen un mes de prazo para solicitalas a contar dende mañá

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2020.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para o fomento do uso de maquinaria agrícola en réxime asociativo. En total, a Xunta destina este ano 2,5 millóns de euros a estas achegas que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as cooperativas agrarias, as cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), as cooperativas de explotación comunitaria da terra ou as sociedades agrarias de transformación.

Con estas subvencións procúrase fomentar o uso de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, impulsar a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego e racionalizar os custos de mecanización. Outros obxectivos pasan por incrementar os mecanismos de seguridade no traballo, reducir as emisións contaminantes e promover o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no rural galego.

As axudas apoian, en concreto, os custos de adquisición de maquinaria agrícola e os estudos técnicos-económicos de viabilidade daquelas entidades asociativas do sector agrario que queiran dar servizo aos seus socios a través deste sistema que permite compartir a maquinaria.

O importe das subvencións será do 35% dos custos, unha porcentaxe que poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios que priman a localización da entidade en zonas con limitacións naturais e o feito de que o beneficiario proceda dunha fusión de cooperativas.

Os interesados nestas achegas contan cun mes de prazo para solicitalas a contar dende mañá.

Enlace á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200206/AnuncioG0426-201219-0004_gl.html