— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 20 de 51 resultados.

A Xunta demanda un reparto xusto e equitativo entre as autonomías dos fondos do instrumento de recuperación da UE asociados á Política Agrícola Común

O conselleiro do Medio Rural participou hoxe por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios
  • José González insistiu na necesidade de manter os orzamentos da PAC para garantir unhas rendas dignas no sector e de que se teñan en conta as peculiaridades de Galicia no deseño e aplicación destas políticas

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2020.- O conselleiro do Medio Rural, José González, participou hoxe por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, que estivo presidido polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas. Neste encontro, o conselleiro insistiu na defensa das principais teses de Galicia en relación coa Política Agrícola Común (PAC), co fin de garantir, no futuro, unhas achegas adecuadas de fondos comunitarios para que os agricultores, gandeiros e silvicultores galegos poidan manter unhas rendas dignas.

En particular, José González amosou o interese da Xunta por coñecer como se realizará o reparto entre as diferentes comunidades autónomas das partidas correspondentes ao chamado instrumento de recuperación presentado pola UE a finais de maio pasado, para facer fronte á crise da covid-19. Estes fondos permitirán aumentar o orzamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), para o conxunto da Europa comunitaria, nuns 7.500 millóns de euros, dos que arredor de 750 corresponderían a España. O seu obxectivo é axudar ás zonas rurais a introducir os cambios estruturais que require o denominado Pacto Verde Europeo.

Así, considérase que as zonas rurais desempeñarán un papel fundamental na consecución da transición ecolóxica e que este financiamento tamén contribuirá a acadar os obxectivos das novas estratexias sobre a biodiversidade e “da granxa á mesa” en materia de clima e medio ambiente.

En relación con estas achegas, o conselleiro puxo en valor o peso específico da actividade agrícola, gandeira e forestal de Galicia no conxunto de España, polo que insistiu en reclamar un reparto “xusto e equitativo” destes fondos. Tamén destacou a importancia de coñecer que tipo de actuacións van ser financiables con estas partidas e que prazos se manexan para a súa planificación.

En parecidos termos, José González pediu aclaracións sobre o calendario de traballos para a elaboración do orzamento da PAC e a prórroga dos anos 2021 e 2022. Segundo explicou, é preciso coñecer unha data prevista para a publicación do paquete normativo para o novo período de programación, así como para a aprobación do regulamento de transición e as dotacións económicas por comunidade autónoma previstas para os próximos dous anos.

O conselleiro redundou na necesidade dunha PAC forte e ben dotada orzamentariamente e lembrou que a Xunta seguirá manténdose leal ao Goberno central mentres sigan desenvolvéndose as negociacións. Con todo, insistiu, esas negociacións deben traducirse na “necesidade de incrementar os fondos”. Xa que logo, engadiu González, “defendemos o mantemento do orzamento actual para a futura PAC, por considerar que é unha política clave tanto para garantir o abastecemento de alimentos sans e seguros á poboación europea como para asegurar a sustentabilidade ambiental da actividade agrogandeira e forestal”.

 

Grupo de expertos e plan estratéxico

Nesta liña, o conselleiro lembrou que Galicia xa fixo os deberes, ao crear un grupo de expertos para avanzar na definición do plan estratéxico da comunidade autónoma para a PAC, co fin de que se teñan en conta as súas peculiaridades no deseño destas políticas. O titular de Medio Rural remarcou que, entre outras cousas, nese plan estratéxico se defende unha definición esixente da figura do agricultor xenuíno, en canto á porcentaxe mínima de ingresos agrarios sobre os ingresos totais que debe ter para ser considerado como tal. Tamén, en relación cos pagamentos directos, que se aplique en España o tope máximo de 60.000 euros de axuda por explotación, para protexer ás pequenas e medianas explotacións propias de Galicia.

Así mesmo, sobre as axudas básicas á renda, avógase, entre outros criterios, porque se poidan incorporar a elas novas superficies e acéptase a ruptura cos dereitos históricos, pero sempre que a alternativa non sexa un pago uniforme por hectárea para todo o territorio español. Por iso deféndese o establecemento de diferentes “rexións” dentro de España, cunha contía diferente da axuda básica por hectárea en cada un deses territorios, para contemplar as peculiaridades de Galicia.

Ademais, sobre o devandito Pacto Verde Europeo, non se discute a sustentabilidade ambiental, pero demándase, ao tempo, que xunto con ese enfoque exista tamén a transitoriedade suficiente para que os agricultores poidan adaptar as súas actividades a ese gran acordo. Nesta liña, valórase tamén a posta en marcha de ecoesquemas adaptados á realidade produtiva de Galicia e a maiores dos que baralla do Ministerio propóñense outros. Entre eles, dous relacionados co apoio ao incremento da superficie de pastos permanentes, para fomentar a transición cara a sistemas gandeiros máis sustentables e contribuír, ao tempo, á anticipación e prevención de incendios forestais, e coa implantación e conservación de sistemas agroforestais, fomentando o uso dos recursos dispoñibles para alimentación animal propios ou o fomento da produción ecolóxica.