A Xunta destaca o Pan de Cea como produto senlleiro e de país dentro da excelente despensa galega de alimentos de calidade

Dende o Goberno galego trabállase por facer promoción e por divulgar os produtos galegos en xeral e de forma especial os amparados por denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, como é o caso deste pan

San Cristovo de Cea (Ourense), 7 de xullo de 2019.- Con motivo da súa XXVIII festa de exaltación, hoxe en San Cristovo de Cea, a Xunta destaca o valor e a riqueza que representa o pan de Cea como un produto senlleiro da nosa comunidade e como un pan de país, no que o 50% da súa fariña de trigo procede dos prados galegos.

O conselleiro do Medio Rural, José González, asistiu hoxe á celebración deste produto, que está amparado por unha Indicación Xeográfica Protexida (IXP). Precisamente cómpre salientar esta circunstancia, no marco do traballo que desenvolve a Xunta a prol da promoción e divulgación dos alimentos galegos en xeral e, de forma especial, dos recollidos por este tipo de selos.

Galicia aposta pola calidade, partindo do feito de que conta cos mellores produtos e a mellor materia prima, entre eles este pan de Cea, que sobresae polo seu coidado proceso de elaboración. Ademais, neste contexto é preciso lembrar que o pan é o alimento por excelencia, que todas as culturas teñen o seu e que as persoas o consumen dende tempos inmemoriais, de aí o seu valor como referencia na alimentación.

Dos últimos datos da IXP Pan de Cea, recentemente coñecidos e referidos ao exercicio de 2018, cómpre salientar que o valor económico estimado sitúase lixeiramente por riba do millón de euros. A produción certificada superou os 448.000 quilos e o número de fornos rexistrados acada os 16. A área de elaboración do pan amparado por esta indicación é o termo municipal de San Cristovo de Cea, situado ao noroeste da provincia de Ourense.