A Xunta destina un millón de euros ás axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas de produción vexetal

O DOG publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que ten como obxectivo incrementar a competitividade e o rendemento global das explotacións de horta mediante a súa modernización.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2019.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal, cun orzamento dun millón de euros.

Estas achegas, que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), teñen a finalidade de mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a reestruturación e modernización das mesmas, á vez que se reducen as emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura.

Poderán ser beneficiarios de ditas axudas todos aqueles titulares de explotacións agrícolas que estean inscritos no Rexistro de Explotacións Agraria de Galicia (Reaga) e teñan unha orientación técnica económica principal baseada en horticultura ao aire libre ou en invernadoiro, horticultura e cultivos diversos, cultivos leñosos, sementes e plántula de hortalizas ou de pataca.

Os investimentos materiais ou inmateriais subvencionables serán todos aqueles que impliquen unha mellora do rendemento global, da competitividade ou da viabilidade da explotación. Así, entraría dentro desta orde a reforma ou construción de instalacións, a compra de maquinaria, a compra de construción agrarias en desuso, a plantación e mellora de cultivos leñosos de aptitude frutícola e a compra de terreos por un valor inferior ao 10% do custe subvencionable. Como investimento inmaterial, serán subvencionables os gastos como honorarios dos técnicos que elaboren proxectos de construción ou reforma, licencias de software, entre outros.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.