O Programa

 
top-banner

A política europea de desenvolvemento rural contribúe a que as zonas rurais da UE poidan facer fronte a multitude de retos económicos, medioambientais e sociais. As medidas que inclúe esta política se coñecen como o "segundo piar" da política agrícola común (PAC) e complementan ao sistema de pagamentos directos aos agricultores e ás medidas para xestionar os mercados agrícolas (o denominado "primeiro piar").

A política de desenvolvemento rural da UE financiase a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), regulado polo Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello Europeo e dotado de 100.000 millóns de euros para o período 2014-2020.

Os Estados membros reciben unha dotación financeira cuxa xestión se realiza, a escala nacional ou rexional, ao amparo de programas plurianuais cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), Nos 28 Estados membros existen 118 programas de desenvolvemento rural (PDR) para este período.

En España, a axuda ao desenvolvemento rural, xestiónase a través de 18 programas, 17 de carácter rexional e un programa nacional, e un Marco nacional de desenvolvemento rural que inclúe elementos comúns dos distintos programas das comunidades autónomas.

O Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014_2020 (PDR), aprobado oficialmente pola Comisión Europea o 18 de novembro de 2015 e modificado en tres ocasións, dispón de 1.186,4 millóns de euros de fondos públicos para o período 2014_2020 (889,8 millóns € con cargo ao orzamento da UE, 217,6 millóns € da Xunta de Galicia e 79 millóns € do Ministero de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA). 

Obxectivos

O PDR galego establece como obxectivos fundamentais da aplicación da política de desenvolvemento rural en Galicia:

  • Fomentar a competitividade da agricultura galega mediante a modernización das explotacións agrícolas e forestais, a incorporación de agricultores novos en explotacións orientadas ao mercado e con capacidade de diversificación económica, a ordenación do territorio e a mellora da produtividade da industria agroalimentaria e forestal promovendo a produción de alto valor engadido.
  • Conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promover a xestión sustentable dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático.
  • Mellorar a calidade de vida da poboación rural fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, a creación de emprego e a redución do risco de pobreza.

Prioridades

A aplicación do PDR de Galicia contribúe ás 6 prioridades de desenvolvemento rural da UE aplicadas tendo en conta os obxectivos transversais de innovación, medio ambiente, mitigación do cambio climático e adaptación ao mesmo.

  • Fomentar a transferencia de coñecementos e innovación nos sectores agrario e forestal e nas zonas rurais.
  • Mellorar a viabilidade das explotacións agrarias e a competitividade de todos os tipos de agricultura en todas as rexións, e promover as tecnoloxías agrícolas innovadoras e a xestión forestal sustentable.
  • Fomentar a organización da cadea alimentaria, incluíndo a transformación e comercialización dos produtos agrarios, o benestar animal e a xestión de riscos no sector agrario.
  • Restaurar, preservar e mellorar os ecosistemas relacionados coa agricultura e a silvicultura.
  • Promover a eficiencia dos recursos e fomentar o paso a unha economía baixa en carbono e capaz de adaptarse ao cambio climático nos sectores agrario, alimentario e forestal.
  • Fomentar a inclusión social, a redución da pobreza e o desenvolvemento económico nas zonas rurais.

Zona rural

 

rede natura 2000