Axentes do programa

O artigo 65 do Regulamento (UE) 1305/2013 establece como responsables do Programa de Desenvolvemento Rural ás seguintes autoridades:
AUTORIDADE DE XESTIÓN
É a responsable da xestión e aplicación eficiente, eficaz e correcta do programa de desenvolvemento rural (artigo 66 do Regulamento (UE) 1305/2013).
En Galicia desempeña esta función a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural.
De acordo á Autoridade de xestión, o Comité de seguimento efectúa o seguimento da execución do programa.
ORGANISMO PAGADOR
É o organismo responsable da xestión e control dos gastos do PDR de Galicia executados de conformidade coa normativa europea da axuda ao desenvolvemento rural. Con excepción dos pagos, a realización das devanditas tarefas pode delegarse.
En Galicia, o organismo pagador de fondos Feader é o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). Con excepción dos pagos, o Fogga delegou en distintas unidades administrativas da Xunta de Galicia a xestión da maioría das medidas do PDR de Galicia.
ORGANISMO DE CERTIFICACIÓN
É o organismo auditor encargado de verificar, conforme ás normas de auditoría internacionalmente aceptadas, a integralidad, exactitude e veracidade das contas anuais do organismo pagador, sobre o correcto funcionamento do seu sistema de control interno e sobre a legalidade e corrección do gasto para o que se solicita o reembolso á Comisión.
En Galicia asume esta función a Intervención Xeral da comunidade autónoma.
A responsabilidade do seguimento do programa é compartida entre a autoridade de xestión e o Comité de seguimento , composto por autoridades locais e rexionais competentes e aquelas entidades sociais máis representativas do medio rural de Galicia.
A nivel nacional existen dous órganos encargados da coordinación de todos os programas de desenvolvemento rural españois.
ORGANISMO DE COORDINACIÓN DAS AUTORIDADES DE XESTIÓN
A súa función consiste en centralizar a información de todos os PDR do estado español e actúa como interlocutor ante a Comisión Europea.
Este papel asúmeo a Direccion Xeral de Desenvolvemento Rural e Politica Forestal do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA).
ORGANISMO DE COORDINACIÓN DOS ORGANISMOS PAGADORES
Este organismo é o encargado de coordinar aos organismos pagadores autorizados polas Comunidades autónomas para o pago das axudas con cargo a Feader.
Esta función é desenvolvida polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).