PLAN ESTRATÉXICO DA PAC 2023-2027
A Política Agrícola Común (PAC) tratou de ir adaptándose ás necesidades dos cidadáns a través de sucesivas reformas, como a última, que finalizou en decembro de 2021 coa publicación dos tres regulamentos principais:
- regulamento referido aos Plans estratéxicos da PAC (Regulamento (UE) do Parlamento Europeo e do Consello do 2 de decembro de 2021);
- o regulamento horizontal, sobre financiamento, xestión e seguimento da PAC (Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello do 2 de decembro de 2021), e
- o relativo á organización común de mercados dos produtos agrarios. (Regulamento (UE) 2021/2117 do Parlamento Europeo e do Consello do 2 de decembro de 2021).
A nova PAC aplicarase do 2023 ao 2027 e unha das principais novidades que presenta é a de canalizar a axuda da Unión Europea financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (FEAGA) e polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) a través dun único Plan Estratéxico da PAC, elaborado por cada Estado membro, atendendo as súas disposicións institucionais e constitucionais, e aprobado pola Comisión Europea.
Na elaboración do devandito plan, os Estados membros deben analizar a súa situación de partida e as súas necesidades específicas, establecer os fitos anuais e as metas finais a acadar en relación cos obxectivos xerais e específicos da PAC e deseñar as intervencións precisas que permitan a consecución deses obxectivos.
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e as comunidades autónomas cooperaron de forma coordinada na elaboración do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC) de España, que foi aprobado pola Comisión Europea o 31 de agosto de 2022
Este PEPAC 2023-2027 ten coma obxectivo o desenvolvemento sostible da agricultura, a alimentación e as zoas rurais para garantir a seguridade alimentaria da sociedade a través dun sector competitivo e un medio rural vivo.
Con este enfoque estratéxico, preténdese contribuír á consolidación do valor económico do sistema agroalimentario, de maneira sostible no tempo. Partindo de que o sistema agroalimentario é estratéxico para España en 2021, o Plan pretende sentar as bases para que o continúe sendo ao longo da próxima década. Para isto, a PAC fará un uso máis eficiente do orzamento, ligando axudas ao cumprimento de obxectivos, principalmente en tres eixes:
- Maior equidade no apoio á renda, a través dunha mellora no sistema de reparto das axudas directas.
- Garantir o cumprimento de compromisos e obxectivos ambientais, combinando medidas de carácter regulamentario con pagos que remuneren os esforzos dos agricultores que vaian máis aló da liña de base.
- Posta en funcionamento dun amplo conxunto de medidas encamiñadas a contribuír á sustentabilidade ambiental, económica e social do sector: investimentos, innovación, formación e asesoramento, así coma un esforzo decidido por facilitar a incorporación de persoas mozas e á redución da brecha de xénero no sector.
Respecto do contido, o plan estratéxico, entre outras cuestións, inclúe a avaliación das necesidades do territorio, a estratexia de intervención, os pagos directos, as intervencións en determinados sectores e as intervencións para o desenvolvemento rural especificadas na estratexia, o plan de metas e o plan financeiro, o sistema de gobernanza e coordinación, así como os elementos establecidos a escala nacional e rexional.
Respecto do sistema de gobernanza e coordinación,
A Secretaría Xeral de Agricultura e Alimentación, do MAPA, foi designada Autoridade de Xestión do PEPAC, quen, baixo a dependencia do Ministro, é o órgano directivo do Ministerio directamente responsable da PAC. A efectos operativos, exercerá as súas funcións a través da Subdirección Xeral de Planificación de Políticas Agrarias, nos termos establecidos no artigo 123 do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021.
Desígnaronse dezasete (17) Autoridades de xestión rexionais, unha por cada comunidade autónoma, que serán responsables das intervencións rexionais no marco do Feader que correspondan ao seu ámbito territorial. No caso de Galicia a condición de Autoridade de Xestión do PEPAC recae sobre a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural.
A Autoridade de Xestión do Plan estratéxico da PAC é responsable de xestionar e executar o Plan de forma eficiente, eficaz e correcta e de velar pola adecuada coordinación coas Autoridades de Xestión rexionais e destas entre si, co fin de garantir a coherencia e a uniformidade no deseño e na execución do Plan.
O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) é autorizado como organismo pagador a nivel nacional e como organismo de coordinación dos dezaoito (18) organismos pagadores, o nacional e un único por cada comunidade autónoma de cara a xestión e control do pago do gasto, con cargo aos fondos europeos agrícolas FEAGA e Feader. O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) exerce e estes efectos a condición de organismo pagador a nivel autonómico.
A Intervención Xeral da Administración do Estado (IGAE) foi designada como organismo de certificación para o FEGA -organismo pagador- e como organismo coordinador dos dezaoito (18) organismos de certificación existentes, un por cada organismo pagador. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia exercer esta función en Galicia.
Creouse o Comité de Seguimento do Plan estratéxico da PAC e o 30 de novembro de 2022 constituíuse o Comité de Seguimento Rexional en Galicia, para supervisar a aplicación dos elementos rexionais e facilitar información ao respecto ao Comité de seguimento do Plan, consonte ao establecido no artigo 124 do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello.