Axentes do programa
O Real Decreto 1046/2022, do 27 de decembro, polo que se regula a gobernanza do Plan Estratéxico da Política Agrícola Común en España e dos fondos europeos agrícolas FEAGA e FEADER, regula o sistema de coordinación e gobernanza para as seguintes figuras:
O PLAN ESTRATÉXICO, COS SEGUINTES ÓRGANOS E MECANISMOS:
AUTORIDADE DE XESTIÓN DO PLAN ESTRATÉXICO
Será a Secretaría Xeral de Agricultura e Alimentación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), segundo o artigo 123 do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021. A estes efectos, exercerá as súas funcións a través da Subdirección Xeral de Planificación de Políticas Agrarias, que actuará en coordinación cos órganos directivos da Secretaría Xeral de Agricultura e Alimentación.
É responsable de xestionar e executar o Plan Estratéxico da PAC (PEPAC) de España de xeito eficiente, eficaz e correcto e de velar pola adecuada coordinación coas autoridades rexionais de xestión, coa fin de garantizar a coherencia e a uniformidade do deseño.
AUTORIDADES REXIONAIS DE XESTIÓN
De conformidade co artigo 123.1 do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, as comunidades autónomas designarán autoridades rexionais de xestión, que exercerán as funcións establecidas no artigo 123.2 do citado Regulamento.
No caso de Galicia, esta función a desempeña a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural.
ÓRGANO DE COORDINACIÓN DO PLAN ESTRATÉXICO
Constitúese como órgano colexiado adscrito á Secretaría Xeral de Agricultura e Alimentación do MAPA.
O seu obxectivo é asegurar a adecuada coordinación entre o ministerio e as comunidades autónomas, para facilitar o seguimento, análise e debate da aplicación do PEPAC.
COMITÉS DE SEGUIMENTO
Son órganos colexiados, que se encargan de analizar a aplicación do Plan durante a súa vixencia.
RED NACIONAL DA PAC
É un mecanismo de participación e difución que se ocupa de interrelacionar ós actores vinculados ó medio rural e á actividade agrícola e gandeira.
Está integrada por administracións, axentes sociais e económicos, representantes da sociedade civil e organizacións de investigación vinculadas ó medio rural, co obxectivo de impulsar o desenvolvemento rural.
ÓRGANO DE COORDINACIÓN DO SISTEMA DE COÑECEMENTO E INNOVACIÓN EN AGRICULTURA (SCIA)
A súa finalidade é a de facilitar a colaboración, cooperación e coordinación para a xestión de políticas de I+D+i en materia agroalimentaria, de xeito que se poña a investigación científica ó servizo das necesidades sectoriais, dando resposta ós desafíos presentes e futuros.
A FINANCIACIÓN DA PAC
AUTORIDADES COMPETENTES PARA A AUTORIZACIÓN DOS ORGANISMOS PAGADORES E DO SEU ORGANISMO DE COORDINACIÓN
No ámbito da Administración Xeral do Estado a autoridade competente é o titular do MAPA.
ORGANISMOS PAGADORES
O Fondo Español de Garantía Agraria, Organismo Autónomo (FEGA, O.A.) é o organismo pagador de ámbito nacional, e a nivel autonómico cada comunidade terá un único organismo pagador coas competencias de xestión e control do pago das intervencións e medidas da PAC.
No caso de Galicia, o organismo pagador de fondos FEADER é o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA).
ORGANISMOS DE COORDINACIÓN DOS ORGANISMOS PAGADORES
O FEGA é o organismo de coordinación dos organismos pagadores e o único representante nacional ante a Comisión Europea e outras institucións europeas para todas as cuestións relativas á financiación das distintas intervencións e medidas da PAC.
ORGANISMOS DE CERTIFICACIÓN
O organismo designado de ámbito nacional é a Intervención Xeral da Administración do Estado.
Cada comunidade autónoma disporá dun único organismo de certificación.
ORGANISMO COORDINADOR DE ORGANISMOS DE CERTIFICACIÓN
A responsabilidade desta coordinación recaerá sobre a Intervención Xeral da Administración do Estado.