Programa Leader de Galicia 2014-2020

LEADER (Liaison Entre Actions de Développement de l'Économie Rurale, que significa “vínculos entre accións de desenvolvemento da economía rural) foi un importante compoñente da política de desenvolvemento rural da Unión Europea dende hai máis de 20 anos. Dende 2007 financiouse a través do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader) e a partir de 2014 evolucionou a “Desenvolvemento Local Participativo” (DLP).
Os obxectivos e prioridades principais do DLP son:
- Aumentar a competitividade e o crecemento.
- Creación de emprego.
- Mellorar o nivel e a calidade de vida dos habitantes do medio rural.
- Favorecer a ocupación sustentable do territorio, con especial atención aos mozos e mulleres.
- Diversificación da economía das zonas onde se aplique o desenvolvemento local participativo mediante o apoio ás PEMES, ao emprendemento e a innovación.
- Potenciar a gobernanza local e a animación social.
- Garantir a sustentabilidade da actividade, mediante a utilización adecuada dos recursos naturais
DLP e LEADER son unha metodoloxía, que parte da premisa de que as políticas ou estratexias a aplicar serán máis efectivas e eficaces se se deciden e poñen en práctica polos propios interesados, pois desta forma adecuaranse en maior medida ás necesidades das poboacións ás que van destinadas.
Para facer efectiva a participación dos axentes socioeconómicos resulta necesario que estes se organicen en territorios subrexionais específicos e que se consitúan en asociacións público-privadas, denominadas Grupos de Acción Local (GAL), ou Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) en Galicia.
Os grupos serán os encargados de elaborar a denominada Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), onde haberán de identificar as necesidades e potencialidades do territorio e en base ás mesmas deseñar un plan de acción.
A participación non debe limitarse á fase inicial, senón que debe facerse extensiva ao proceso de aplicación, contribuíndo á estratexia, á realización dos proxectos seleccionados, a facer balance e a sacar conclusións para o futuro.