O programa
A política europea de desenvolvemento rural contribúe a que as zonas rurais da Unión Europea poidan facer fronte a multitude de retos económicos, medioambientais e sociais. As medidas que inclúe esta política se coñecen como o "segundo piar" da Política Agrícola Común (PAC) e complementan ao sistema de pagamentos directos aos agricultores e ás medidas para xestionar os mercados agrícolas (o denominado "primeiro piar").
A política de desenvolvemento rural da Unión Europea finánciase a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), regulado polo Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello Europeo e dotado de 100.000 millóns de euros para o período 2014-2020.
Os Estados membros reciben unha dotación financeira cuxa xestión se realiza, a escala nacional ou rexional, ao amparo de programas plurianuais cofinanciados co Feader. Nos 28 Estados membros existen 118 programas de desenvolvemento rural (PDR).
En España, a axuda ao desenvolvemento rural, xestiónase a través de 18 programas, 17 de carácter rexional e un programa nacional, e un Marco nacional de desenvolvemento rural que inclúe elementos comúns dos distintos programas das comunidades autónomas.
O Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014_2020 (PDR) foi aprobado oficialmente pola Comisión Europea o 18 de novembro de 2015 e modificado en oito ocasións (ver columna da dereita).
OBXECTIVOS
O PDR galego establece como obxectivos fundamentais da aplicación da política de desenvolvemento rural en Galicia:
Fomentar a competitividade da agricultura galega mediante a modernización das explotacións agrícolas e forestais, a incorporación de agricultores novos en explotacións orientadas ao mercado e con capacidade de diversificación económica, a ordenación do territorio e a mellora da produtividade da industria agroalimentaria e forestal promovendo a produción de alto valor engadido.
Conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promover a xestión sustentable dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático.
- Mellorar a calidade de vida da poboación rural fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, a creación de emprego e a redución do risco de pobreza.
PRIORIDADES
A aplicación do PDR de Galicia contribúe ás 6 prioridades de desenvolvemento rural da UE aplicadas tendo en conta os obxectivos transversais de innovación, medio ambiente, mitigación do cambio climático e adaptación ao mesmo.
Fomentar a transferencia de coñecementos e innovación nos sectores agrario e forestal e nas zonas rurais.
Mellorar a viabilidade das explotacións agrarias e a competitividade de todos os tipos de agricultura en todas as rexións, e promover as tecnoloxías agrícolas innovadoras e a xestión forestal sustentable.
Fomentar a organización da cadea alimentaria, incluíndo a transformación e comercialización dos produtos agrarios, o benestar animal e a xestión de riscos no sector agrario.
Restaurar, preservar e mellorar os ecosistemas relacionados coa agricultura e a silvicultura.
Promover a eficiencia dos recursos e fomentar o paso a unha economía baixa en carbono e capaz de adaptarse ao cambio climático nos sectores agrario, alimentario e forestal.
Fomentar a inclusión social, a redución da pobreza e o desenvolvemento económico nas zonas rurais.
PRÓRROGA DO PROGRAMA DE DESENVOLVEMENTO RURAL E FONDOS EURI
O procedemento relativo ás propostas lexislativas da Comisión Europea sobre a PAC máis aló de 2020 non se puido concluír a tempo para permitir que os Estados membros e a propia Comisión prepararan tódolos elementos necesarios para aplicar o novo marco xurídico e os plans estratéxicos da PAC a partir do 1 de xaneiro de 2021; polo que o Regulamento (UE) 2020/2220 do Parlamento Europeo e do Consello do 23 de decembro de 2020 [1], prorrogou o período de aplicación dos programas de desenvolvemento rural ata o 31 de decembro de 2022, así como o marco xurídico aplicable. Para financiar a prórroga do PDR de Galicia asignáronse 343.134.382,6 € (gasto público total), cofinanciados nun 75% (257.350.787 €) pola Unión Europea.
Por outra parte, co obxectivo de afrontar as repercusións da crise da COVID-19 e as súas consecuencias no sector agrícola e as zonas rurais, o Regulamento (UE) 2020/2094 do Consello do 14 de decembro de 2020 [2], dispuxo recursos adicionais para os anos 2021 e 2022. Concretamente, o importe asignado ao PDR de Galicia foi de 76.963.398 €, financiados ao 100% pola Unión Europea.
Co fin de incorporar e distribuír os fondos correspondentes á prórroga do PDR 2014_2020 de Galicia e os fondos EURI, levouse a cabo a sexta modificación do programa.
DATOS FINAIS
Despois das modificacións efectuadas, o PDR de Galicia conta cun importe programado de 1.606.497.781 € de fondos públicos para o período 2014-2022, 1.224.114.185 € con cargo ao orzamento da UE (1.147.150.787 € Feader e 76.963.398 € EURI), 279.173.717 aportados pola Xunta de Galicia e 103.209.879 polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Despois dos 166.320.156 € declarados en 2023 alcanzouse unha execución acumulada de 1.336.144.605 €, en termos de gasto público total, o que supón unha porcentaxe de execución do 83,17 %.
[1] Regulamento (UE) nº 2020/2220 do Parlamento Europeo e do Consello do 23 de decembro de 2020, polo que se establecen determinadas disposicións transitorias para a axuda do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (FEAGA) nos anos 2021 e 2022, e polo que se modifican os Regulamentos (UE) nº 1305/2013, (UE) nº 1306/2013 e (UE) nº 1307/2013 no que respecta aos seus recursos e á súa aplicación nos anos 2021 e 2022 e o Regulamento (UE) nº 1308/2013 no que respecta aos recursos e á distribución da devandita axuda nos anos 2021 e 2022,
[2] Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un Instrumento de Recuperación da Unión Europea (EURI), para apoiar a recuperación trala crise da COVID-19