Belén do Campo destaca o investimento de máis 368.600 € na mellora de infraestruturas rurais de Mesía

Belén do Campo destaca o investimento de máis 368.600 € na mellora de infraestruturas rurais de Mesía

  • A delegada da Xunta avaliou co alcalde esas aportacións que servirán tanto para a mellora de camiños de acceso a parcelas agrícolas como para a rehabilitación de camiños en zonas de concentración parcelaria
  • Na comarca de A Coruña-Betanzos recibirán axudas do Plan Marco 29 concellos por un importe de máis de 1,1 M€ e catro concellos apoios para rehabilitar camiños en zonas de parcelaria por un importe de 580.000 euros

Mesía ( A Coruña), 13 de setembro de 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto co alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, e a directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo, visitaron hoxe esta localidade e salientou alí o investimento de máis de 368.600 euros para varias intervencións ao amparo do Plan Marco de Mellora de camiños rurais de acceso a parcelas agrícolas e tamén do Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración e reestruturación parcelaria, unha nova orde de axudas publicada o ano pasado.

No primeiro caso, do Plan Marco, dotado con case 19,5 millóns de euros para 2024 e 2025, o que supón o orzamento máis alto dende 2017. En concreto, no marco desta convocatoria, están previstas actuacións de 94.900 € para a mellora da pista de Pereiruga e Arosa en Xanceda. Un investimento que se une ao realizado o ano pasado de máis de 84.700 euros que permitiu a mellora do camiño da Mata-Xanceda da AC-524 á AC-523. O financiamento faise con fondos Feader, con cargo ao Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 e son subvencionables camiños de acceso a  parcelas agrícolas. A delegada da Xunta informou que na comarca da Coruña-Betanzos recibirán estas axudas 19 concellos por un importe total de máis de 1,1 millón de euros.

Estas axudas promoven a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas co fin último de aumentar a competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias e nunha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.

Durante o período 2016-2024 contou cunha dotación orzamentaria de máis de 130 millóns de euros, permitindo a mellora de máis de 5.450 camiños e máis de 4.280 quilómetros de vías rurais e a provincia da Coruña foi a que máis importe económico recibiu desta iniciativa na etapa mencionada, superando os 40 millóns de euros, e polo tanto, na que máis actuacións se produciron.

A delegada engadiu que a través de iniciativas coma esta, “a Xunta mantén o compromiso coa promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego”. O Plan Marco ten unha traxectoria que se remonta a 2013 e este ano, por primeira vez, compleméntase co Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria finalizadas, dotado con 6 millóns de euros.

En cada convocatoria do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas repártense entre os 313 concellos os fondos dispoñibles e corresponde a cada un deles a elección dos camiños sobre os que se considera preciso actuar, así como o proxecto de obra de ampliación, mellora ou mantemento. Ademais, estes están obrigados a contratar un servizo externo de control de calidade das obras executadas.

Camiños parcelarias

Con respecto aos camiños das parcelarias, Mesía recibiu máis de 189.000 euros para a mellora dun camiño municipal na concentración de Bascoi (Cabrui) de 2,76 quilómetros de lonxitude.

A delegada lembrou que a Consellería do Medio Rural habilitou máis de cinco millóns de euros para rehabilitar camiños de zonas de concentración parcelaria co obxectivo de facilitar a accesibilidade e a vertebración do territorio e, por tanto, a produtividade agraria e forestal.

Esta liña de axudas era a primeira vez que se poñía en marcha e estaba destinada a concellos que terminasen estes procesos. Estes fondos permitiron beneficiar a 38 municipios que cumprían o requisito de ter dentro dos seus límites zonas de reestruturación parcelaria terminadas, conter un mínimo de 10 quilómetros de camiños nelas e unha porcentaxe de uso da terra superior ao 39 %.

Dentro dos proxectos que se podían financiar con estas subvencións estaban actuacións como a limpeza e roza da plataforma ou das cunetas, a reparación de fochancas e outras obras complementarias, como a sinalización ou saneamento. Tamén, o mantemento e acondicionamento das infraestruturas rurais para que cumpran as súas funcións, pois o aumento da dimensión e tamaño da maquinaria agrícola fan necesario mellorar estes viarios. A contía asignada por municipio partía de 125.000 euros, podendo alcanzar un máximo de 200.000 en función da lonxitude das pistas e da superficie de concentración parcelaria. As obras incluídas neste plan deberían ter unha garantía de mantemento.

Na comarca da Coruña-Betanzos, ademais de Mesía recibiron estas axudas os concellos de Sobrado (125.000 €), Vilasantar (135.300 €) e Irixoa (130.000 €) por un total nesta área de 580.000 euros.