Programa de Desenvolvemento Rural
Xunta de Galicia

Galicia acollerá en maio o congreso internacional de innovación rural no agro “Spin rural”

Galicia acollerá en maio o congreso internacional de innovación rural no agro “Spin rural”

Así o anunciou hoxe a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural durante a súa participación no evento on line Facebook Live

  • Inés Santé, que estivo acompañada pola secretaria xeral da axencia, Luisa Boquete, avanzou a axenda de actividades desta entidade para 2022, na que se dará prioridade á execución das ferramentas da Lei de recuperación da terra
  • Outras citas destacadas serán as novas edicións de “Alma Rural”, evento centrado na posta en valor do papel da muller no agro, e dos premios ao desenvolvemento rural 2022, que terán lugar en outubro e novembro, respectivamente

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2022.- Galicia acollerá no vindeiro mes de maio un congreso internacional de innovación rural que levará por título “Spin Rural” e que estará organizado pola Xunta. Está previsto celebrar esta cita entre o 4 e o 6 de maio deste 2022, segundo anunciou hoxe a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, durante a súa intervención telemática no evento on line Facebook Live, no que tamén participou a secretaria xeral desta axencia, Luisa Boquete.

Ambas responsables da Consellería do Medio Rural informaron nesta cita on line sobre a celebración do devandito evento arredor da innovación no agro dentro da axenda para 2022 da Axencia. Ademais, trasladaron tamén outros anuncios. Entre eles, a próxima apertura da segunda consulta pública ao mercado do proxecto “Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles”. Neste contexto, avanzaron tamén a publicación, en breve, de diversas convocatorias de axudas no Diario Oficial de Galicia, complementarias e vinculadas aos proxectos de recuperación da terra. Trátase das destinadas a servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos vinculados a instrumentos de recuperación de terras e tamén das de posta en marcha de novas actividades produtivas non agrarias en aldeas modelo.

Por outra banda, neste evento tamén se anunciou que unha das prioridades da Consellería para o inmediato futuro é continuar coa execución da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Nese sentido, seguiranse impulsando as diversas ferramentas creadas por esta norma e, dentro delas, deuse a coñecer a declaración, hoxe mesmo, de tres novas aldeas modelo. Trátase da de Francos de Proendos, en Sober (Lugo) e das de Covelo, no concello de Taboadela, e Carzoá, no municipio de Cualedro, ambas na provincia de Ourense.

“Alma Rural”, dedicado á muller

Outro anuncio trasladado polas responsables da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ten que ver coa celebración, o vindeiro día 15 de outubro, dunha nova edición do evento “Alma Rural”, que ten como principal obxectivo a posta en valor do papel da muller no agro galego. Case un mes despois, o 11 de novembro, terá lugar unha nova entrega dos premios ao desenvolvemento rural, tal e como avanzaron tamén as representantes da Axencia. Por último, outro dos fitos que marcará a actividade da Xunta neste eido será a presentación do Plan de coordinación estratéxica cos grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Galicia.