María José Gómez compromete un impulso ás razas autóctonas como oportunidade para coidar o territorio

María José Gómez compromete un impulso ás razas autóctonas como oportunidade para coidar o territorio

  • A titular da Consellería do Medio Rural visitou hoxe unha explotación de vacún de carne no concello lucense de Quiroga, onde sinalou o “impacto positivo” que ten sobre o terreo este tipo de gandaría, que tamén axuda como prevención ante os incendios forestais
     

Quiroga (Lugo), 23 de agosto de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, realizou esta mañá unha visita á explotación de vacún de carne “Mario Nogueira”, situada no concello lucense de Quiroga, onde comprometeu un impulso ás razas autóctonas, que se presentan como unha oportunidade para coidar o territorio.

Gómez afirmou que a Consellería do Medio Rural seguirá a traballar neste eido, apostando pola gandaría, “que é un claro aliado da conservación e coidado do territorio” e por conservar e protexer as razas autóctonas galegas.  

Neste sentido, sinalou o “impacto positivo” que teñen sobre o terreo este tipo de explotacións nas que “os animais aproveitan os pastos, limpan e enriquecen os nosos montes” favorecendo un rural coidado e produtivo que actúa como “cortalume natural”, destacou.

Nesta liña, cómpre lembrar a aposta do Goberno autonómico plasmada no Plan preventivo, integrado no Plan de prevención e defensa contra os incendios Forestais de Galicia (Pladiga), dotado cun orzamento de máis de 41 millóns de euros, e que contempla a xestión de 5.000 hectáreas a través da gandaría en extensivo como alternativa ao uso de maquinaria.  

A explotación

“Mario Nogueira” é unha explotación de reprodución para a produción de carne con máis de 200 cabezas de gando, na que a meirande parte dos animais son vacas cachenas, unha das seis razas autóctonas orixinarias da nosa comunidade. Trátase dunha gandaría que produce á vez que fomenta a preservación da biodiversidade a través da aposta por estas razas.