A Xunta apoia proxectos de investimento en actividades non agrícolas para mellorar o tecido empresarial de Ferrolterra
A delegada de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá as instalacións situadas no polígono industrial de Vidreiro e destinadas á fabricación de estruturas metálicas de invernadoiros
Pontedeume (A Coruña), 20 de outubro de 2026
A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a empresa Montajes Fertri, en Pontedeume, dedicada á fabricación de estruturas metálicas de invernadoiros, que vén de modernizar e ampliar a súa capacidade produtiva grazas a unha aportación da Consellería do Medio Rural para proxectos de investimento en actividades non agrícolas.
Así, coa axuda recibida veñen de adquirir un paquete de maquinaria de última xeración co obxectivo de aumentar a súa competitividade, eficiencia enerxética e a calidade do produto. Trátase dunha curvadora, un robot de soldadura e unha carretilla de carga lateral coas que poderán fabricar estruturas de maior envergadura, liberar máis espazo e eliminar os fumes de soldadura e combustión no interior da nave que posúen no polígono industrial de Vidreiro.
Aneiros puxo en valor a traxectoria desta empresa que lanzou os seus primeiros invernadoiros tipo túnel na década dos 70 e desde 2003 opera en mercados internacionais, con presenza en máis dunha vintena de países, e incidiu na importancia de xerar as condicións necesarias para crear e consolidar emprego e afianzar poboación nas zonas rurais a través de convocatorias coma esta.
Esta liña de axudas da Consellería do Medio Rural destinada a reforzar o tecido produtivo empresarial nas zonas rurais de Galicia mediante o apoio á adquisición de bens de equipamento inherentes á actividade empresarial, contou este ano cun orzamento de 2,7 M€, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia.