A Xunta investirá máis de 510.000 euros na mellora de camiños rurais en nove concellos da área de influencia de Pontevedra

A Xunta investirá máis de 510.000 euros na mellora de camiños rurais en nove concellos da área de influencia de Pontevedra

  • O delegado territorial visitou os resultados das obras levadas a cabo grazas ao Plan Marco 2023-2024 e anunciou as actuacións que serán posibles grazas á convocatoria deste ano
  • O Plan Marco 2024-2025 permitirá mellorar varios camiños municipais en Pazos, en Vilaboa, e a pavimentación no Lugar do Concello na parroquia de Agudelo, en Barro
  • A convocatoria deste ano conta cun orzamento de máis de 3,2 millóns para o total da provincia de Pontevedra

Vilaboa (Pontevedra), 16 de setembro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado das obras de mellora do camiño de Luciñas ás Cernadas, no concello de Vilaboa e dos accesos no Lugar de Ortigueira, na parroquia barrense de Valiñas.

As obras, que foron posibles grazas ao Plan Marco 2023-2024 da consellería de Medio Rural e contaron cun orzamento de preto de 50.000 e 47.000 euros respectivamente, permitiron mellorar a seguridade viaria e a comodidade dos veciños e veciñas da zona.

O delegado territorial aproveitou a visita para anunciar as obras que se levarán a cabo nestes concellos grazas ao Plan Marco 2024-2025 e que, cun orzamento semellante ao do ano pasado, permitirán mellorar varios camiños municipais en Pazos, no caso de Vilaboa, e a pavimentación do lugar do Concello na parroquia de Agudelo, en Barro.

Cabe destacar que o Plan Marco 2024-2025 deixará na área de influencia de Pontevedra máis de 510.000 euros en investimentos que permitirán, ademais das obras citadas, mellorar viais municipais en Paradela e Barallo (Xende), no concello da Lama; a pavimentación dun camiño en Chan de Piñeiro e outro en Cabo Udra, en Bueu; a pavimentación do camiño de Caneda en Morillas, de Leiro en Couso, en Campo Lameiro; o ensanche e pavimentación no lugar de Veiguiña do Medio (Santa María de Sacos), en Cerdedo-Cotobade; a mellora e mantemento da estrada de acceso a Pastoriza, en Marín; a mellora do firme na travesía San Xoan e camiño Liñares, en Poio; e a mellora da drenaxe e o firme do camiño de Regodobargo, en Ponte-Caldelas. 

Neste sentido, Reguera lembrou que estas axudas son “unha nova proba da importancia que ten a colaboración entre administracións e como a Xunta se apoia nos concellos para levar a cabo obras que teñan un impacto directo no día a día dos galegos e galegas”.

O Plan Marco 2024-2025 conta cun orzamento para a provincia de Pontevedra de máis de 3,2 millóns de euros.