A Xunta solicita ao Goberno central que reasigne máis fondos europeos a Galicia para as reservas de biosfera polo seu bo nivel de execución

A Xunta solicita ao Goberno central que reasigne máis fondos europeos a Galicia para as reservas de biosfera polo seu bo nivel de execución

A directora xeral de Patrimonio Natural participou hoxe na 25ª reunión do Comité español do programa MaB da Unesco

  • Marisol Díaz xustifica a súa petición en que parte das contías territorializadas corren o risco de quedar sen mobilizar ante o atraso que arrastran algunhas comunidades
  • Galicia xa ten planificado ou executado preto do 90% dos 6,4 M€ asignados en 2022
  • Na reunión celebrada en Madrid tamén se presentou o informe decenal da Reserva de Biosfera Área de Allariz, que inclúe unha proposta para modificar a zonificación

Madrid, 23 de setembro de 2024

A Xunta solicitou hoxe ao Goberno central que teña en conta o bo nivel de execución de Galicia dos fondos europeos NextGenerationUE destinados á posta en valor das súas 7 reservas de biosfera e lle reasigne parte dos fondos que, a día de hoxe, outras comunidades teñen aínda sen executar.

Así o defendeu a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, que participou hoxe en Madrid na 25ª reunión do Comité español do programa Man and Biosphere (MaB) da Unesco, convocada, entre outras cousas, para facer seguimento do nivel de execución en cada comunidade das ordes de axudas a concellos, asociacións e organismos xestores destes espazos, e da tramitación dos fondos a nivel autonómico.

En base aos criterios fixados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para analizar o nivel de execución en todo o país, a conclusión é que dos 6,4 millóns de euros asignados a Galicia, o 87% —5,54 millóns— xa está consignado a través de proxectos que repercutirán en beneficio das 7 reservas de biosfera existentes en Galicia: Xurés-Gerês; río Eo, Oscos e Terras de Burón; Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel; Terras do Miño; Ancares lucenses e montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Mariñas coruñesas e Terras de Mandeo; e Área de Allariz.

De feito, cómpre lembrar que Galicia foi a primeira Comunidade en convocar, en febreiro de 2022, tanto as subvencións para proxectos impulsados por concellos e entidades ligados a este tipo de espazos protexidos, como a liña de axudas específica para as 4 reservas que teñen órganos de xestión independentes —as outras 3 competen á Xunta—, dúas ordes que quedaron resoltas entre agosto e setembro dese mesmo ano.

Neste sentido, Marisol Díaz defendeu a “axilidade, eficiencia e rigor” demostrados polo Goberno galego tanto á hora de tramitar estas subvencións, como na xestión do orzamento asignado ás reservas de biosfera que xestiona de forma directa.

Fronte á xestión realizada pola Xunta destas partidas, lembrou que na reunión do Comité MaB do ano pasado xa se acordara, a proposta do Ministerio, ampliar ata o 31 de decembro de 2024 o prazo dado para xustificar a execución dos fondos asignados para as reservas de biosfera dado o atraso na tramitación que arrastraban outras comunidades e que na última Conferencia sectorial de Medio Ambiente —celebrada en xullo deste ano— aprobouse unha nova prórroga, ata o 1 de xuño de 2025.

Por iso, a responsable autonómica aproveitou para pedirlle á directora xeral de Biodiversidade do Ministerio, María Jesús Rodríguez, que valore a posibilidade de reasignar a Galicia algunha destas partidas sen executar, tendo en conta que a Xunta “ten demostrado con creces” a súa capacidade de xestión e que parte dos fondos europeos territorializados con este fin poderían quedar sen mobilizar ante as dificultades evidentes dalgunhas comunidades para poder xestionalos.

Así mesmo e para garantir o seguimento da execución dos fondos, descartouse constituír un grupo de traballo con presencia de todas as comunidades, tal e como se acordara na reunión do Comité MaB anterior a proposta de Galicia, debido ás diferencias notables entre unhas e outras. Deste xeito e como alternativa, propúxose establecer reunións bilaterais entre o Ministerio e cada Goberno autonómico co mesmo fin.

Carga turística das Reservas de Biosfera

Noutra orde de cuestións, tamén se acordou solicitarlle ao Consello Científico do Comité español MaB un informe específico sobre a carga turística que soportan estes espazos en todo o país así como sobre a compatibilidade entre este tipo de usos e actividades e a necesaria protección da biodiversidade.

Por último, no Comité MaB de hoxe tamén se presentaron os informes decenais correspondentes a media ducia de reservas de biosfera, entre eles, o da Área de Allariz, que inclúe unha modificación da actual zonificación. Neste sentido, cómpre indicar que o documento recibiu o informe favorable do Consello Científico tras verificar que a proposta presentada polos xestores —que reduce en 125,9 hectáreas a superficie debido a un axuste dos límites oficiais que non afecta ao ámbito da reserva— cumpre cos criterios da Unesco e a normativa estatal e autonómica.