María José Gómez reafirma en Mazaricos, líder en produción de leite en Galicia, o apoio da Xunta ao sector lácteo
- A conselleira do Medio Rural, que visitou a CUMA de Xallas e Barcala e mantivo un encontro con gandeiros, salientou que este concello produciu no 2023 máis de 136 millóns de litros de leite
- Gómez insistiu en apelar á colaboración e o entendemento entre todos os axentes da cadea de valor do sector para traballar a prol da redución do diferencial existente entre o prezo do leite galego e o do resto de España
Mazaricos (A Coruña), 12 de agosto de 2024
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou as instalacións da CUMA de Xallas e Barcala e tamén mantivo un encontro con gandeiros de Mazaricos e da súa bisbarra. Ambas xuntanzas serviron para avaliar a situación actual e as perspectivas de futuro do sector leiteiro. A conselleira reafirmou o apoio da Xunta a este eido clave do agro galego e que ten un peso moi importante na comarca do Xallas.
Neste sentido, María José Gómez puxo en valor o feito de que Mazaricos sexa o primeiro concello galego en produción de leite, con máis de 136 millóns de litros entregados a primeiros compradores, segundo datos correspondentes a 2023 do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).
Na mesma liña, a conselleira insistiu -como xa fixo a pasada semana nun encontro coas organizacións profesionais agrarias- en apelar á colaboración entre todos os axentes da cadea de valor do sector para traballar a prol da redución do diferencial existente entre o prezo do leite galego que perciben os produtores e o do resto de España.
En parecidos termos, Gómez avogou de novo por manter o equilibrio e a estabilidade no sector como mellor fórmula para favorecer a remuda xeracional e para consolidar a posición de liderado nacional de Galicia neste eido produtivo, tanto en número de gandeiros como na produción, que segue medrando.