María José Gómez reafirma o compromiso da Consellería ante a problemática da EHE cunha nova liña de axudas complementaria ás indemnizacións

María José Gómez reafirma o compromiso da Consellería ante a problemática da EHE cunha nova liña de axudas complementaria ás indemnizacións

  • A titular de Medio Rural lembrou no Parlamento que, tal e como xa manifestou en máis dunha ocasión publicamente, esta liña “vai ser unha realidade e con efectos retroactivos”
  • Recordou tamén que a Xunta foi pioneira en lanzar unha liña de indemnizacións pola morte dos animais a causa desta enfermidade, que segue aberta e que se atenderon todas as solicitudes que se presentaron ata agora
  • Enfatizou que por parte do Goberno galego se lle pediu ao Ministerio de Agricultura que se puxese á fronte dunha problemática que estaba afectando a toda España, liderando o desenvolvemento dunha vacina e achegando recursos ás autonomías
  • En resposta a outra pregunta, Gómez destacou a boa acollida que está a rexistrar a última convocatoria da liña de axudas para a mellora de explotacións e para fomentar a remuda xeracional no agro

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reafirmou hoxe no Parlamento o compromiso da Xunta ante a problemática da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) cunha nova liña de axudas complementaria ás indemnizacións, que se veñen pagando, pola morte de animais a causa desta doenza. Neste sentido, advertiu que, tal e como xa manifestou en máis dunha ocasión publicamente, esta liña “vai ser unha realidade e con efectos retroactivos”.

Estas achegas, a maiores das indemnizacións, contemplarán apoios para custos veterinarios, tratamentos e desinsectantes, cofinanciándose e convocándose pola Consellería unha vez se coñezan de xeito oficial todos os criterios fixados polo Ministerio de Agricultura, que se comprometeu a publicar, en maio, un Real Decreto específico e a achegar fondos ás comunidades autónomas, malia que polo de agora non se transferiron.

Nesta liña, a titular de Medio Rural lembrou tamén que a Xunta foi pioneira na posta en marcha desa liña de indemnizacións pola morte dos animais, da que xa se beneficiaron case 200 explotacións por un valor superior aos 200.000 euros, compensando así o falecemento de máis de 400 reses. Deste xeito, incidiu, “atendéronse todas as solicitudes que se presentaron” e a liña segue aberta.

En parecidos termos, Gómez recordou tamén que por parte da Xunta se lle pediu ao Ministerio que se puxese á fronte dunha problemática que estaba afectando a toda España, liderando, en primeiro lugar, o desenvolvemento dunha vacina e achegando, en segundo termo, recursos económicos ás comunidades autónomas. A conselleira lamentou que, diante destas xestións do Goberno galego, non se producise ningunha reclamación no mesmo sentido por parte do BNG e en particular que non urxiran a transferencia a Galicia dos millóns anunciados en maio pasado polo ministro e pendentes, aínda a día de hoxe, de transferir.

Gómez insistiu, asemade, en que a Xunta sempre se situou ao carón dos gandeiros e que é consciente da dureza da doenza para os animais e para os gandeiros, malia que tamén se está constatando a boa receptividade no gando da vacina.

Remuda xeracional

En resposta a outra pregunta, a conselleira destacou a boa acollida que está a rexistrar a última convocatoria da liña de axudas para a mellora de explotacións e para fomentar a remuda xeracional no agro. Así, trasladou que para plans de mellora presentáronse máis de 1.300 solicitudes; 400 no caso da liña de apoio á incorporación de mozos e 171 para a novidosa achega para fomentar a entrada de novos activos de entre 41 e 55 anos de idade.

Neste sentido, Gómez lembrou que a convocatoria de 2024 está dotada con 47 millóns de euros, un 21 % máis con respecto á anterior, e cualificou estas subvencións como “recursos útiles” para os profesionais, a través dos que poden modernizar as súas explotacións, especializalas ou ben iniciarse na actividade agrogandeira.

Por iso, a titular de Medio Rural avogou por seguir traballando nesta liña e resaltou ademais que a Consellería está ultimando un Plan de remuda xeracional amplo e cunha perspectiva transversal, baseado na formación, a sensibilización e a incorporación ao agro. Unha planificación que, ademais de integrar as devanditas liñas de apoio, traballará tamén coa formación, especialmente a de carácter práctico, e que incidirá na revalorización e en darlle visibilidade a esta saída laboral na sociedade en xeral.

A maiores, Gómez fixo fincapé en dúas iniciativas que este mesmo luns foron avaliadas polo Consello da Xunta e que avanzan nesta mesma liña. Trátase, en primeiro lugar, do Banco de Explotacións, que comezará a andar a finais deste ano e que porá en contacto a gandeiros e agricultores que vaian abandonar a súa actividade con aqueles novos, ou xa profesionais, que queiran asumir esta xestión. En segundo termo, habilitarase unha nova liña de axudas -que se convocará por primeira vez en 2025- para facilitar a sucesión de explotacións entre persoas en situación de xubilación e aquelas que desexen iniciarse ou ampliar o negocio. Estará dotada con 2,1 millóns de euros ata 2029, remarcou a conselleira.