Medio Rural pon en valor o seu apoio decidido ao sector de vacún de carne con axudas como os case 12 M€ aos produtores de Ternera Gallega

Medio Rural pon en valor o seu apoio decidido ao sector de vacún de carne con axudas como os case 12 M€ aos produtores de Ternera Gallega

Responsables da Consellería responderon cadansúa pregunta na Comisión 7ª do Parlamento, sobre a actividade do departamento

  • O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, debullou na Cámara galega as diferentes accións implementadas pola Xunta nos últimos anos para apoiar este eido produtivo
  • Pola súa banda, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, trasladou que o Libro Branco sobre os montes veciñais é un punto de partida para a elaboración do borrador de anteproxecto de lei reguladora desta materia

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2024

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, puxo hoxe en valor o apoio decidido da Xunta ao sector gandeiro de vacún de carne en xeral e, de xeito específico, aos produtores da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega. En resposta a unha pregunta sobre esta cuestión na Comisión 7ª do Parlamento, Balseiros fixo referencia á convocatoria extraordinaria feita este mesmo ano para explotacións de vacún de carne dentro da IXP. En total, indicou o director, aprobáronse e pagáronse 11,37 millóns de euros, cun total de 5.294 beneficiarios, sendo o importe medio por explotación de preto de 2.500 euros.

Ademais, en relación con ese compromiso, o director xeral puxo de relevo as xestións realizadas pola Xunta para conseguir que no primeiro piar da PAC se mantivera un nivel de axudas practicamente idéntico ao que había no período anterior para o vacún. Así, estas achegas supuxeron para o vacún de carne en extensivo 60 millóns de euros anuais, subliñou. Tamén, no segundo piar da PAC, dende 2023 chegouse aos 30 millóns de euros anuais para este sector, tal como destacou o director xeral.

Ademais, Balseiros fixo referencia ás axudas excepcionais pola Covid-19 e pola invasión rusa de Ucraína, aos anticipos das axudas directas da PAC nos anos 2020 e 2022, aos préstamos de financiamento de capital circulante, ao protocolo de entendemento da cadea de valor da carne, á campaña de promoción a nivel nacional e á Estratexia de dinamización do sector. Dentro dela, mencionou a Conta Carne, como ferramenta para o cálculo dos custos de produción. Outras medidas destacadas foron a posta a disposición de máis de 10.000 hectáreas, na súa maior parte para os gandeiros de carne, dentro da Lei de recuperación da terra; o impulso a 28 novos procesos de concentración parcelaria, a maior parte tamén enfocados para eles; o plan de pastos de Galicia; ou a creación do Observatorio da cadea alimentaria e do Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais.

José Balseiros lembrou ademais que se lle pediu ao Ministerio de Agricultura, sen éxito, que modificase a Lei da cadea alimentaria para que se puideran calcular e certificar os custos de produción, e tampouco se prestou atención, por parte do Goberno central, á solicitude de Galicia para que se baixara o IVE da carne.

En todo caso, o director indicou que se está traballando para ver a posibilidade de dar continuidade ás axudas ao sector, ao tempo que se mantén un diálogo continuado cos seus axentes, para avaliar as diferentes medidas de apoio. Na mesma liña, cómpre lembrar tamén a previsión da Consellería de solicitar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que estas axudas poidan ir ligadas á Política Agraria Común (PAC) e así implementalas dun xeito xeralizado para continuar apoiando este eido produtivo.

Montes veciñais en man común

Por outra parte, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, explicou, en resposta a unha pregunta sobre a cuestión, que o Libro Branco Aproximación á realidade actual dos montes veciñais en man común é un punto de partida para a elaboración do borrador de anteproxecto de lei reguladora desta materia. Sinalou que este texto presentouse xa no Consello Forestal, como un documento de traballo estratéxico para abrir unha fase de reflexión conxunta sobre a reforma lexislativa destes montes.

Ademais, José Luis Chan trasladou que esta revisión normativa desenvolveuse mediante un procedemento de consulta previa á elaboración do anteproxecto de Lei co que se actualizará a lexislación vixente. Informou ademais de que durante o período de exposición pública desenvolvido no ano 2022 se recibiron un total de 90 achegas, tanto de particulares como de empresas, asociacións, concellos etcétera. O director puxo en valor a diversidade de persoas e entidades que se sentiron concernidas neste proceso, o que amosa o interese social que espertan os montes veciñais e o carácter transversal desta regulación, que atinxe a moi diferentes actividades económicas, recreativas e mesmo culturais.

Chan salientou tamén, no eido da gobernanza destes montes, as dúas ordes de axuda promovidas pola Consellería do Medio Rural, ambas co obxecto de fomentar a boa gobernanza nas entidades que os xestionan. Así, da convocatoria de 2021 beneficiáronse máis de mil comunidades de montes e na última, de 2024, a dotación orzamentaria é de 490.000 euros. A maiores, o director xeral explicou que, dende a entrada en vigor da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia, en 2018, Medio Rural publicou tres convocatorias de axudas para a elaboración de instrumentos de ordenación e xestión forestal, das que se beneficiaron amplamente os montes veciñais. En total, subliñou Chan, nas convocatorias de 2018, 2020 e 2022 concedéronse axudas por importe de case 7,7 millóns de euros, que foron claves para incrementar a superficie forestal ordenada nestes montes.