A Xunta apoia 62 novos proxectos para a transformación e comercialización de produtos agrarios con máis de 23 M€

A Xunta apoia 62 novos proxectos para a transformación e comercialización de produtos agrarios con máis de 23 M€

  • A Consellería do Medio Rural publica hoxe a resolución destas subvencións, que apoiarán investimentos por un importe superior aos 73 millóns de euros
  • O obxectivo destas axudas é fomentar proxectos industriais mellorando a orientación ao mercado e aumentando a competitividade das explotacións a curto e longo prazo, en particular cun maior fincapé na investigación, a tecnoloxía e a dixitalización
  • Dende 2016, Medio Rural convocou en sete ocasións estas achegas, cun orzamento total adxudicado de 195,04 millóns de euros

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2024

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se que se resolven as solicitudes de subvención convocadas pola orde de axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios correspondente a 2024. En total, nesta convocatoria aprobáronse 62 proxectos, cun investimento subvencionable que supera os 73 millóns de euros e axudas concedidas por máis de 23 millóns de euros.

Estas axudas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), teñen como principal obxectivo promover o desenvolvemento de proxectos industriais do sector agroalimentario, en liña coa finalidade de mellorar a orientación ao mercado e aumentar a competitividade das explotacións agrícolas a curto e longo prazo, en particular cun maior fincapé na investigación, a tecnoloxía e a dixitalización.

Por provincias, a de Lugo é a que ten máis proxectos aprobados (o 42% do total) e o maior investimento total subvencionable (o 35%). Por sectores, entre todos os apoiados destacan, pola súa importancia, as axudas concedidas a proxectos de investimentos no sector lácteo e cárnico, cun importe total de case 18,6 millóns de euros, o que representa máis do 80% do total das axudas concedidas.

Dende 2016, a Consellería do Medio Rural convocou en sete ocasións estas axudas para transformación e comercialización de produtos agrarios, cun orzamento total adxudicado de 195,04 millóns de euros. Estas achegas subvencionaron investimentos por un importe total de 628,74 millóns.

Enlace á resolución no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240822/AnuncioG0426-070824-0001_gl.html