A Xunta destaca o investimento de máis de 700.000€ entre 2024 e 2025 na comarca de Sarria para a mellora de camiños rurais e de vías en zonas de parcelarias

A Xunta destaca o investimento de máis de 700.000€ entre 2024 e 2025 na comarca de Sarria para a mellora de camiños rurais e de vías en zonas de parcelarias

  • A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, fixo balance das actuacións no municipio de Sarria, que conta con axudas superiores a 225.000€ para ambos plans
  • A titular de Medio Rural destacou a importancia do Plan de mellora de camiños rurais para impulsar a fixación da poboación e a dinamización do tecido produtivo
  • Este ano, por primeira vez, esta iniciativa compleméntase co Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria finalizadas, dotado con 6 millóns de euros para toda Galicia

Sarria (Lugo), 21 de agosto de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe a localidade lucense de Sarria e salientou alí as actuacións contempladas ao abeiro do Plan de mellora de camiños rurais, coñecido como Plan Marco, na convocatoria actual 2024-2025. Neste contexto, cómpre destacar que a comarca de Sarria recibe en total máis de 700.000€ neste período para facilitar o acceso ás pistas, tanto baixo esta iniciativa –preto de 500.000€- coma no marco do Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria finalizadas –máis de 200.000€-.

Concretamente, o municipio de Sarria dispón dunha axuda de máis de 95.000€ para executar labores ligados ao Plan Marco, un plan que, para toda Galicia, conta cun orzamento de 19,5 millóns de euros, a cantidade máis alta dende 2017. Beneficiaranse así 583 camiños e máis de 460 quilómetros en diferentes concellos galegos.

A maiores, por primeira vez compleméntase co Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria finalizadas, dotado con 6 millóns de euros para toda a Comunidade. De feito, nesta liña de axudas o concello de Sarria recibiu máis de 130.000€ para mellorar os accesos a Maside e a Santiago da Veiga.

A conselleira salientou a utilidade do Plan Marco para “dignificar, aínda máis se cabe, a calidade de vida no rural e as condicións de vida dos veciños”, xa que contempla como subvencionables camiños de acceso a núcleos rurais de poboación e cualificouno “de vital importancia” para os municipios, especialmente para aqueles con maior carga gandeira.

O obxectivo do Plan de mellora de camiños rurais, vixente desde 2013 e cuxo financiamento actual provén dos fondos Feader con cargo ao Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, é apostar polo benestar da poboación do rural a través do fortalecemento das infraestruturas, que facilita a accesibilidade e vertebración do territorio, reforza o tecido social, contribúe a mellorar a capacidade organizativa das áreas rurais, dinamiza o tecido produtivo e fixa a poboación.

Nesta liña, estas axudas promoven a implantación e reforzo dos servizos neste ámbito e fomentan o bo tránsito de vehículos e maquinaria, que redunda nunha maior axilidade dos traballos agrarios e no mantemento, tamén, da propia maquinaria.

Máis de 5.450 camiños mellorados dende 2016

Durante o período 2016-2024, o Plan Marco contou cunha dotación orzamentaria de máis de 130 millóns de euros, permitindo a mellora de máis de 5.450 camiños e máis de 4.280 quilómetros de vías rurais.

María José Gómez destacou que dende a Consellería seguen a reforzar esta iniciativa pola súa utilidade e defendeu a medida que “mellora as dotacións existentes de infraestruturas básicas e enmárcase no compromiso de promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego”.