A Xunta traslada a experiencia na xestión das EDLP a unha delegación do Grupo para o Desenvolvemento Rural e Pesqueiro de Ibiza e Formentera

A Xunta traslada a experiencia na xestión das EDLP a unha delegación do Grupo para o Desenvolvemento Rural e Pesqueiro de Ibiza e Formentera

A delegada de Ferrol, Martina Aneiros, foi a encargada de dar a benvida aos representantes das illas pitiusas durante un encontro na Confraría de Pescadores da cidade naval

Ferrol, 7 de outubro de 2026

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, deu a benvida esta mañá a unha delegación do Grupo de Acción Local para o Desenvolvemento Rural e Pesqueiro de Ibiza e Formentera de visita en Ferrol coa finalidade de intercambiar experiencias e coñecer proxectos e métodos de traballo que podan replicar no seu territorio mediante a financiación do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa).

A súa estadía na cidade incluíu unha visita á Confraría de Pescadores de Ferrol, unha das entidades adscritas ao GALP Golfo Ártabro Norte, onde coñeceron algúns dos proxectos financiados a través das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) “unha ferramenta especialmente útil á hora de trasladar as principais liñas de actuación da Xunta en materia pesqueira ao territorio xa que permiten que cada zona identifique as súas necesidades e impulse solucións propias”, sinalou a delegada.

Na súa intervención, a responsable autonómica destacou a “relación histórica, económica e social” que Ferrol mantén co mar e que forma parte da identidade da cidade e as posibilidades que abre ese vínculo á hora de “diversificar a actividade, incrementar o valor dos produtos pesqueiros locais e achegar o sector á cidadanía”.

Destacou o traballo desenvolvido polo GALP Golfo Ártabro Norte a través das EDPL á hora de apoiar iniciativas deseñadas dende o propio territorio e puxo de exemplo algúns dos proxectos financiados na última convocatoria de axudas do Fempa que conta cun orzamento de 10,3 M€ para as anualidades 2026-2027.

O GALP Golfo Ártabro Norte agrupa a un total de 44 entidades das cales preto do 16% pertence ao sector pesqueiro, o 26% ao sector público, o 42% ao sector social e o 13% ao sector económico ademais de agrupar a dez concellos da zona: Ares, Cabanas, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne, Pontedeume e Fene.