Medio Rural salienta o seu apoio á transformación do leite en Galicia e á calidade dos queixos
A conselleira María José Gómez visitou hoxe as instalacións da Queixería Barral en Arzúa
- A titular da Consellería destacou a excelencia das denominacións de orixe protexidas Arzúa Ulloa e Queixo Tetilla e o seu fomento e promoción por parte da Xunta e os consellos reguladores
- Cualificou a Queixería Barral como unha empresa que aposta pola innovación, o desenvolvemento sostible e a remuda xeracional e valorou a “boa acollida e recoñecemento dos seus produtos, que son un orgullo para Galicia”
Arzúa (A Coruña), 30 de xullo de 2024
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe as instalacións da Queixería Barral, no concello coruñés de Arzúa. Alí destacou o apoio da Consellería á transformación do leite en Galicia e á calidade dos queixos da nosa comunidade. Nesta liña, recordou a Estratexia de Dinamización do sector lácteo e o compromiso do Goberno galego a prol da estabilidade da cadea de valor e os prezos do leite. Gómez puxo en valor a aposta pola innovación e o desenvolvemento sostible da queixería así como a remuda xeracional, representada na figura de Isabel Barral, que continúa o labor da súa familia.
Nesta liña, a titular de Medio Rural salientou a excelencia das denominacións de orixe protexidas Arzúa-Ulloa e Queixo Tetilla, nas que se enmarcan os produtos máis recoñecidos de Queixerías Barral. Asemade, valorou que este mesmo ano, a empresa recibiu tres distintivos importantes no seu sector. Por un lado, nas Catas de Queixos de Galicia, alzouse coa prata no grupo Queixo Tetilla. Un produto polo que tamén ocupou o primeiro posto na categoría “Vaca Xove” na 14º edición de Gourmet Quesos, onde se escollen os mellores queixos do país.
Ademais, a conselleira felicitou a Queixería Barral pola súa aposta pola innovación e sustentabilidade, en referencia ao recoñecemento outorgado por Galicia Alimentación a Produto Innovador polo seu queixo de trufa e boletus e polo recentemente estreado selo IFS Food. Unha certificación que recibe por primeira vez unha queixería e que garante que se cumpren todos os requisitos das especificacións de produción.
Transformacións do leite en Galicia e estabilidade do sector
A titular de Medio Rural resaltou as axudas para a transformación e comercialización de produtos agroalimentarios en Galicia, para as que se destinaron 30 millóns de euros na última convocatoria e a través das que se beneficiaron máis de 550 proxectos empresariais dende 2016. Queixerías Barral recibiu nos últimos tres anos achegas nesta materia.
Ademais, María José Gómez fixo referencia á necesidade de estabilidade no conxunto da cadea de valor do sector, incidindo no mantemento dos prezos do leite e o esforzo de consenso entre os axentes sectoriais.