Programa de Desenvolvemento Rural
Xunta de Galicia

A Xunta destina 500.000 euros a financiar a prevención dos danos causados por enfermidades fúnxicas defoliadoras nunhas 6.000 ha de masas de coníferas

A Xunta destina 500.000 euros a financiar a prevención dos danos causados por enfermidades fúnxicas defoliadoras nunhas 6.000 ha de masas de coníferas

  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a correspondente orde de axudas para levar a cabo accións silvícolas de prevención destas doenzas
  • É a primeira vez que se convocan este tipo de achegas, malia que a Consellería do Medio Rural executou actuacións nesta liña en 2020 e 2021, no marco do Programa de saúde e vitalidade forestal
  • O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2022.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan en 2022 as axudas para levar a cabo accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras. Cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, estas achegas contan cun orzamento de 500.000 euros para acadar unha superficie de actuación de arredor de 6.000 hectáreas.

Trátase da primeira vez que se convocan este tipo de achegas, malia que a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal levou a cabo anteriormente actuacións neste eido -concretamente durante os exercicios de 2020 e 2021-, no marco do seu Programa de saúde e vitalidade forestal.

Así, estas axudas teñen como finalidade acometer tratamentos preventivos de danos producidos por enfermidades fúnxicas en masas estables de piñeirais de piñeiro do país (Pinus pinaster), piñeiro insigne (Pinus radiata) e piñeiro negral (Pinus nigra) de idade inferior a 25 anos e con defoliación inferior ao 75%.

En concreto, poderán beneficiarse destas subvencións as persoas titulares individuais, as agrupacións forestais de xestión conxunta -incluídas as sociedades de fomento forestal-, as fundacións inscritas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego e as asociacións e agrupacións de propietarios formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia. Tamén as cooperativas agrarias, os proindivisos, os proindivisos legalmente constituídos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, outras persoas xurídicas, as entidades locais e as comunidades de montes veciñais en man común.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Compromiso da Xunta

Esta convocatoria amosa a aposta decidida de Consellería do Medio Rural pola protección do medio forestal contra as ameazas bióticas e abióticas, incluíndo o control, o seguimento e a conservación do estado fitosanitario da masa, así como polo aumento da resiliencia das masas de coníferas, entre outras funcións, en liña co establecido na primeira revisión Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”.

Así, o referido Plan avoga pola protección, a sanidade forestal e a prevención e defensa contra os incendios forestais, co desenvolvemento de accións dirixidas a combater as perturbacións causadas por axentes bióticos e abióticos. No marco do Programa de saúde e vitalidade forestal, recóllense tanto medidas silvícolas de xestión que redunden nunha correcta prevención de problemas sanitarios importantes como as medidas de seguimento e control dos problemas cando estes aparezan, co obxectivo da conservar o estado fitosanitario dos bosques, así como o aumento da resiliencia das masas de coníferas.

Indícase tamén que se terán especialmente en conta axentes como a procesionaria do piñeiro, fungos foliares como os fungos foliares dos piñeiros -banda vermella e banda marrón- e dos eucaliptos, escolítidos, Pissodes, Altica, Armillaria, Gonipterus platensis, chancro do castiñeiro, avespiña do castiñeiro e Phytophthora do amieiro. Ademais, deberase considerar especialmente a aplicación dos plans de continxencia relacionados con organismos de corentena, que actualmente afecta en Galicia o nematodo da madeira do piñeiro e o Fusarium circinatum.

Por outra banda, cabe engadir que a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, tramitou de xeito anticipado varias ordes de axudas para 2022. Trátase das achegas para a creación de superficies forestais, as de elaboración de Instrumentos de ordenación e xestión forestais e as de accións silvícolas, ademais das primas de mantemento para sistemas agroforestais e as de superficies forestais.